Volver ao contido

Notas de prensa

A Xunta propón aos sindicatos publicar todas as preguntas que se utilizarán nos procesos de funcionarización do persoal laboral

A Xunta propón aos sindicatos publicar todas as preguntas que se utilizarán nos procesos de funcionarización do persoal laboral

  • É un sistema novidoso que se usará por primeira vez na Administración galega
  • O proceso de funcionarización será totalmente voluntario e permitirá ao persoal laboral fixo acceder a unha categoría equivalente de funcionario

Santiago de Compostela, 12 de marzo de 2019.- A Xunta de Galicia vén de propoñer ás organizacións sindicais uns criterios xerais dos procesos de funcionarización do persoal laboral fixo, entre os que figuran a publicación íntegra de todas as preguntas que se utilizarán nestes procesos selectivos.

Esta é unha novidade que se utilizará por primeira vez na Administración galega, e que ten como obxectivo axilizar os procesos de funcionarización do persoal laboral da Xunta. Cómpre lembrar que a funcionarización será un proceso totalmente voluntario a través do cal o persoal laboral fixo poderá converterse en funcionario de carreira accedendo a unha categoría equivalente á que actualmente ocupa.

Na proposta que vén de trasladar a Dirección Xeral da Función Pública aos sindicatos, establécese que a modalidade do proceso selectivo será a de concurso-oposición, e que a fase de oposición consistirá na superación dun exercicio de carácter eliminatorio e obrigatorio. O exercicio será un cuestionario tipo test cun número de preguntas que varía entre as 120 do grupo I e as 50 preguntas do grupo V.

Cada pregunta do cuestionario terá tres respostas alternativas, das cales unha será a correcta. Precisamente, a proposta da Dirección Xeral da Función Pública é publicar a totalidade das preguntas –das que se realizará a selección para o cuestionario- antes da realización das probas. Xunta e sindicatos negociarán tamén o número de preguntas e a composición dos temarios de cada convocatoria.

A publicación das preguntas que se utilizarán nos procesos de funcionarización do persoal laboral é un sistema admisible dado que non se trata dun proceso competitivo –como sucede nunha oposición de acceso libre-, posto que este proceso non ten por obxecto o acceso á Administración nin o ascenso de escala ou categoría, senón a transformación voluntaria en funcionarios de traballadores que xa teñen unha praza fixa na Administración como persoal laboral.