Volver ao contido

Notas de prensa

A Xunta reúne a máis de 300 expertos para consensuar a planificación e afrontar con éxito os retos da Galicia de 2030

A Xunta reúne a máis de 300 expertos para consensuar a planificación e afrontar con éxito os retos da Galicia de 2030

  • O conselleiro de Facenda salientou que os primeiros catro anos do PEG 2015-2020 facilitaron un crecemento medio anual do 3,3% do PIB e a creación de case 80.000 empregos
  • A planificación favoreceu que Galicia sexa a comunidade autónoma que máis progresou en renda per cápita na última década, co máximo nivel histórico de converxencia con España
  • Valeriano Martínez inaugurou as mesas de expertos que definirán como encarar os desafíos da vindeira década, ‘A Galicia que imaxinas'
  • Anunciou un contacto directo coas institucións, entidades e asociacións, cun canal web específico para achegas ao Plan Estratéxico 2021-2030

Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2019.- O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, apostou por unha planificación consensuada, con "protagonismo" para a sociedade civil, co obxectivo de deseñar, entre todos, o Plan Estratéxico 2021-2030 e afrontar con éxito os retos da Galicia da vindeira década.

Co lema ‘A Galicia que imaxinas', Martínez inaugurou hoxe a segunda rolda de mesas de expertos, nas que máis de 300 especialistas identificarán as medidas e liñas de actuación que contribúan a superar os retos que xa definiron na primeira quenda de 18 mesas o pasado mes de xullo, e que xiran en torno a catro eixos: a dinamización demográfica e o benestar, o cambio climático, a competitividade e a cohesión social.

O titular de Facenda agradeceu "a participación activa" que están tendo estes representantes da sociedade civil, ao igual que xa se produciu durante a elaboración do actual Plan Estratéxico 2015-2020, "para conseguir que o documento final sexa un plan de todos".

Por tanto, subliñou que non se está "ante un acto illado, senón ante unha continuidade no tempo para definir unha estratexia a dez anos", coa participación "de persoas expertas cunha traxectoria profesional que lles avala e que lles outorga autoridade para que as súas opinións sexan relevantes para formar parte dunha estratexia de país".

Ademais, anunciou a posta en marcha dun contacto directo ás institucións, entidades e asociacións para chegar ao conxunto da cidadanía e confirmou que xa está operativa unha nova web, www.planestratexico2030.gal, para animar a todos a facer a súa achega sobre as prioridades da Galicia de 2030 e para incluír medidas concretas para poder afrontalas con éxito.

Galicia, pioneira na planificación estratéxica
Valeriano Martínez lembrou que "Galicia foi pioneira en someter o seu desenvolvemento á planificación estratéxica", pois este Goberno "tivo claro desde o principio que quen planifica, non improvisa". Engadiu que esta é a razón pola que na última década xa se aprobaron dous plans estratéxicos e agora se está deseñando "o terceiro co obxectivo de unir con criterio o presente e o futuro".

Neste sentido, constatou que "esta planificación tivo resultados claramente positivos para Galicia", pois foi a comunidade autónoma "que máis progresou nos últimos dez anos, con maior crecemento da renda per cápita, e estamos no noso máximo nivel histórico de converxencia con España".

Plan útil para crecer mellor e xerar emprego
Precisamente, o conselleiro de Facenda fixo balance dos primeiros catro anos do actual Plan Estratéxico 2015-2020 e resaltou que esta planificación facilitou un crecemento medio anual do 3,3% do PIB –moi superior ao 2,5% previsto- e a creación de case 80.000 empregos ata o peche de 2018.

Tamén afirmou que "está permitindo consolidar unha recuperación económica cun modelo propio, o Crecemento San", baseado nun avance sostido do PIB, nun control do déficit e do endebedamento, nun reforzo do Estado do Benestar e do investimento produtivo e nun pago áxil aos provedores.

Por tanto, asegurou que o actual Plan Estratéxico "está sendo útil, pois está cumprindo, e mesmo superando", a maioría de obxectivos e restos formulados, e animou a "continuar xuntos este camiño". "Estou convencido de que, coa experiencia do xa feito, coa planificación que xa temos deseñada desde o Goberno e coas achegas de todos vos, seremos quen de consensuar a mellor folla de ruta posible para a Galicia do futuro", concluíu.