Volver ao contido

Notas de prensa

Os contribuíntes galegos aforrarán de media 403 euros no 2022 coas tres rebaixas do IRPF aprobadas pola Xunta desde o ano 2014

Os contribuíntes galegos aforrarán de media 403 euros no 2022 coas tres rebaixas do IRPF aprobadas pola Xunta desde o ano 2014

  • O conselleiro de Facenda e Administración Pública compareceu hoxe na Comisión 3ª do Parlamento para explicar as contas do seu departamento
  • Subliñou que esta é a terceira vez que a Xunta rebaixa a tarifa autonómica do IRPF para as rendas medias e baixas, logo das aprobadas no 2014 e no 2016
  • Sinalou que a baixada do vindeiro ano non é puntual senón que se trata dun "modelo no que o Goberno galego cre e que conta con aceptación social"
  • Miguel Corgos resaltou que Galicia contará no 2022 con 11.627 millóns, o orzamento máis alto sa súa historia, para pasar da reactivación á recuperación
  • Sinalou que antes de que remate este ano, se presentará o Plan Estratéxico de Galicia 2021-2030 adaptado aos desafíos e retos da postpandemia

Santiago de Compostela, 25 de outubro de 2021.- Os contribuíntes galegos aforrarán de media 403 euros no 2022 coas tres rebaixas na tarifa autonómica do IRPF aprobadas pola Xunta de Galicia desde o ano 2014. Así o expuxo hoxe o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, na súa comparecencia en comisión parlamentaria para explicar o proxecto de Lei de Orzamentos para 2022 e as contas da súa consellería.

Miguel Corgos explicou que, en canto ao IRPF, para o vindeiro ano "implantamos unha nova escala, con tipos inferiores á estatal, e rebaixamos os tipos en todos os tramos inferiores a 60.000 euros para beneficiar a máis de 1.100.000 contribuíntes, o que supón máis do 90%". Só con esta nova rebaixa, un fogar formado por dous contribuíntes aforrará de media 144 euros.

Neste sentido, o conselleiro subliñou que é a terceira vez que a Xunta rebaixa a tarifa autonómica do IRPF para as rendas medias e baixas, logo das aprobadas nos anos 2014 e 2016. Deste xeito, Galicia reforza aínda máis a súa posición como unhas das comunidades autónomas con menor tributación, "xa que se sitúa entre as tres nas que menos IRPF pagan as rendas medias e baixas", sinalou. "Non se trata dunha rebaixa puntual, é un modelo no que cre o Goberno galego e que conta con aceptación social", apuntou.

En materia fiscal, no Imposto de Transmisións Patrimoniais (ITP) apróbase unha rebaixa do 10%, co que o tipo xeral pasa do 10 ao 9% para reducir a tributación ás familias que adquiren unha vivenda, favorecendo a dinamización do mercado inmobiliario e reactivando a rehabilitación. Polo que respecta ao imposto de Patrimonio mantense o mínimo exento e bonifícase un 25% a cota do imposto. 

Sumadas a estas rebaixas fiscais, ano a ano a Xunta intenta afondar no alivio nos petos dos cidadáns pola vía dos beneficios fiscais, cuxo volume aumentará no 2022 ata os 522 millóns de euros. "Os cidadáns galegos teñen 522 millóns que a Xunta deixa nas súas mans para axudar ás familias e ás empresas, e deles o 93% son beneficios fiscais de carácter social", resaltou ou conselleiro.

Neste marco, Miguel Corgos subliñou que "Galicia leva anos demostrando que é posible baixar impostos, mellorar os servizos públicos e cadrar as contas ao mesmo tempo, pagando máis rápido que ninguén aos nosos provedores".

O Orzamento da Consellería
Durante a súa intervención o conselleiro de Facenda e Administración Pública tamén se referiu aos orzamentos do seu departamento. Así, explicou que se continuará avanzando na modernización da administración con altos estándares de calidade, con actuacións orientadas á mellora da eficacia no seu funcionamento e da eficiencia na asignación de recursos, e no impulso da transparencia e da dixitalización dos procesos administrativos. Tamén se potenciará o acceso electrónico aos servizos públicos e se establecerán os mecanismos necesarios que contribúan á mellora continua dos servizos públicos.

Ademais, subliñou que cada ano a Xunta segue rebaixando a partida destinada a alugueiros para poñer en valor o patrimonio propio. Desde 2009 o Goberno galego reduciu o gasto en alugueiros nun 54,5%, aforrando case catro millóns de euros.

Por outro lado, explicou que no 2022 o seu departamento prevé ter xa en marcha a nova Lei do Plan Galego de Estatística 2022-2026 para avanzar na consolidación do sistema estatístico da Comunidade, e que antes de que remate o presente ano se presentará o Plan Estratéxico de Galicia 2021-2030 adaptado aos desafíos e retos da postpandemia.

O orzamento máis alto da historia
Na súa exposición o conselleiro de Facenda e Administración Pública subliñou que o vindeiro ano Galicia contará co orzamento máis alto da súa historia, que ascende a 11.627 millóns –un 6,9% máis que no vixente exercicio- para poder pasar da reactivación á recuperación económica. Son os orzamentos co maior gasto social da historia, co maior reforzo do investimento –máis de 2.500 millóns-, co menor gasto en xuros da serie histórica, con novas rebaixas de impostos, e que buscan o reequilibrio territorial para cohesionar Galicia.

Os Presupostos reforzan un ano máis o gasto social tradicional (sanidade, educación e políticas sociais) e o emprego. Así, estas contas inclúen o maior gasto social da historia da Comunidade que ascende a 8.660 millóns de euros para a sanidade, o ensino, as políticas sociais e o emprego, cun aumento de 610 millóns con respecto a este exercicio.

Ademais, as tres consellerías que acaparan o gasto en servizos públicos esenciais concentran o 75% do incremento do orzamento, é dicir, tres de cada catro euros de aumento presupostario van destinados a sanidade, educación e políticas sociais.

En definitiva, son os orzamentos con máis recursos da historia, cun reforzo moi importante das partidas vinculadas aos servizos públicos esenciais e á dinamización da economía co obxectivo de trasladar unha política útil aos cidadáns que permita dar por superada a pandemia desde o punto de vista sanitario; ser áxiles cos mecanismos de apoio ás familias, pemes e empresas; pasar da reactivación á recuperación; e traballar de maneira paralela nas necesidades do ano 2022 xunto coa planificación da vindeira década para afrontar os retos ao que se enfronta Galicia.