Volver ao contido

Notas de prensa

Os novos informes do Consello de Contas ratifican que a Xunta en 2017 volveu mellorar a súa xestión orzamentaria e as principais magnitudes financeiras

Os novos informes do Consello de Contas ratifican que a Xunta en 2017 volveu mellorar a súa xestión orzamentaria e as principais magnitudes financeiras

  • Contas lembra que Galicia cumpriu en 2017 o obxectivo de déficit, a regra de gasto e o límite de débeda, o que lle permitiu manterse no Fondo de Facilidade
  • O órgano fiscalizador confirma que a Xunta rendeu contas en prazo e volveu acadar unha alta execución orzamentaria, ao tempo que baixou un 17% o gasto en xuros
  • Nos informes constátase a boa evolución de indicadores coma o aforro bruto, que medrou un 19%, ou o remanente de tesourería, que creceu un 86%
  • A Comunidade Autónoma está a aforrar 6,1 millóns de euros ao ano en altos cargos e persoal eventual de gabinete respecto ao gasto de 2008
  • O informe pon de manifesto que Galicia continúa entre as comunidades autónomas con menos débeda de España, e destaca o confirma o control das modificacións orzamentarias, nuns niveis inferiores a exercicios anteriores
  • Contas tamén resalta a posición de solvencia do sector instrumental
  • A Xunta seguirá atendendo as recomendacións do Consello de Contas e, de feito, o organismo destaca os novos avances en eidos como a reforma do marco normativo ou a redución do gasto imputado ao seguinte exercicio, que baixa outro 30%

Santiago de Compostela, 26 de xullo de 2019.- O informe do Consello de Contas sobre a Conta xeral da Comunidade Autónoma do ano 2017 e o resto de informes de fiscalización publicados hoxe ratifican que a Xunta de Galicia cumpriu todos os obxectivos fiscais, ao tempo que segue a mellorar a súa xestión orzamentaria e as principais magnitudes financeiras, en liña co xa pronunciado polo organismo fiscalizador en anos anteriores.

O organismo fiscalizador destaca en primeiro lugar que no exercicio 2017 Galicia non só cumpriu un ano máis o obxectivo de déficit público fixado polo Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF), do 0,6%, senón que conseguiu reducir o déficit un 32%, ata os 340 millóns de euros. Ao mesmo tempo, Galicia tamén cumpriu a regra do gasto -común para todas as administracións públicas de España-, o que permitiu evitar a aprobación dun plan económico-financeiro (PEF).

En canto á xestión do endebedamento, o Consello de Contas resalta que a Xunta cumpriu os límites cuantitativos establecidos na Lei de Orzamentos e tamén o obxectivo de débeda do 18,4% autorizado polo Estado. Ademais, a Administración galega cumpriu un ano máis o límite de carga financeira que establece a lexislación estatal para as autonomías, e Contas volve resaltar que Galicia está entre as comunidades con menos débeda de España, poñendo en valor "a mellora continuada na sostibilidade do pagamento de xuros".

O informe da Conta Xeral lembra que o cumprimento dos obxectivos de estabilidade permitiu a Galicia en 2017 seguir accedendo ao Fondo de Facilidade Financeira, co que conseguiu reducir un 17% o capítulo de xuros de débeda, obtendo un aforro de 41 millóns de euros. Ao mesmo tempo, o organismo fiscalizador confirma que a Xunta de Galicia rendeu as súas contas en prazo e que volveu acadou un alto nivel de execución orzamentaria -que ascendeu ata o 95% no capítulo de gasto non financeiro-, e de pagamentos, eido no que Galicia é a comunidade autónoma de referencia no conxunto de España.

Evolución positiva dos principais indicadores
Respecto da situación financeira da Comunidade Autónoma, o organismo fiscalizador confirma a evolución positiva das principais magnitudes que forman parte da Conta Xeral. Por exemplo, o Consello de Contas destaca a "senda positiva" do aforro bruto, que aumentou por segundo ano consecutivo ata os 536 millóns, un 19% máis. Outro indicador con evolución moi positiva é o remanente de tesourería da Administración xeral, que creceu un 86% ata superar os 109 millóns de euros, o que demostra a suficiencia dos fondos líquidos e os dereitos de cobro para facer fronte ás débedas a curto prazo.

No eido do gasto de persoal, os informes de fiscalización volven mostrar a forte redución do gasto en altos cargos e persoal eventual efectuada polo Goberno galego, unha partida que se reduciu un 32% desde o exercicio 2008, ano no que acadou o seu máximo histórico. Esta redución está a permitir un aforro anual de 6,1 millóns para a Comunidade Autónoma.

Control das modificacións orzamentarias
O informe mostra ademais que a Xunta de Galicia conseguiu de novo controlar o impacto das modificacións orzamentarias, seguindo así outra das recomendacións do organismo fiscalizador. En concreto, estas modificacións representaron en 2017 un incremento do 4,5% dos créditos iniciais, o que permitiu situar este indicador por debaixo do limiar do 5% por segunda vez nos últimos dez anos. En canto ás entidades instrumentais, Contas resalta a súa "razoable posición de solvencia a curto", en liña co mostrado en anos anteriores.

A Xunta atende as recomendacións de Contas
En canto ás recomendacións efectuadas polo organismo fiscalizador, os distintos informes publicados hoxe destacan os novos avances acadados pola Xunta en eidos como a reforma do marco normativo, o seguimento do gasto con financiamento afectado ou a redución do gasto imputado ao seguinte exercicio, que baixou outro 30% no ano 2017.

En todo caso, a Xunta seguirá atendendo as recomendacións do Consello de Contas para continuar mellorando a xestión en todos os eidos, como xa vén facendo dende 2009. Entre os cambios introducidos pola Xunta atendendo ás recomendacións do organismo fiscalizador figura a consideración como gasto extraorzamentario das entregas do Fondo de Garantía Agraria, novidade introducida en 2018 e que polo tanto aínda non figura no informe publicado hoxe, xa que fai referencia á Conta Xeral do exercicio 2017.