Volver ao contido

Notas de prensa

Máis de 250 funcionarios da Xunta acadan un ascenso logo de superar as oposicións de promoción interna

Máis de 250 funcionarios da Xunta acadan un ascenso logo de superar as oposicións de promoción interna

  • Todos eles ingresarán nunha categoría superior á que formaban parte, o que implica un aumento salarial
  • 172 funcionarios tomarán posesión do seu novo posto de traballo no prazo máximo dun mes, e outros 79 non precisarán mudar de posto ao estar aberto ao seu novo grupo

 

Santiago de Compostela, 19 de xullo de 2017.- Máis de 250 funcionarios de carreira da Xunta de Galicia acadaron un ascenso logo de superar as oposicións para a promoción interna convocadas pola Administración galega. Todos eles ingresan nunha categoría superior á que formaban parte ata agora, tal como publicou onte martes o Diario Oficial de Galicia (DOG), o que lles implicará unha promoción profesional, un incremento salarial e a posibilidade de poder desempeñar postos de maior responsabilidade.

 

En concreto, 40 funcionarios da Xunta ascenderán ao corpo de xestión da Administración Xeral –o subgrupo A2-, mentres que 80 accederán ao corpo administrativo (subgrupo C1) e outros 131 funcionarios ascenden ao corpo auxiliar, o subgrupo C2 da Xunta.

 

As oposicións de promoción interna están reservadas a empregados públicos que xa teñen praza na Administración, e que queren acceder a un posto de maior categoría sempre que reúnan os requisitos e superen o correspondente proceso selectivo. Con estas oposicións, a Xunta garante o dereito dos empregados públicos á súa promoción profesional.

 

O Diario Oficial de Galicia do martes, 18 de xullo, publica os nomeamentos como funcionarios de carreira nas súas novas categorías dos 251 funcionarios que acadan o ascenso. Deles, 172 traballadores tomarán posesión dun novo posto de traballo no prazo máximo dun mes, mentres que os 79 restantes non precisarán mudar de posto ao estar aberto ao seu novo grupo.