Volver ao contido

Notas de prensa

Máis de 60 entidades galegas participan no 45% dos proxectos seleccionados no programa transnacional Espazo Atlántico

Máis de 60 entidades galegas participan no 45% dos proxectos seleccionados no programa transnacional Espazo Atlántico

  • Este programa abarca rexións de Reino Unido, Irlanda, Francia, Portugal e España
  • As entidades galegas participan en 46 dos 102 proxectos que accederon á segunda fase do programa, que ten por obxectivo impulsar investimentos en innovación, competitividade ou eficiencia enerxética, entre outros ámbitos
  • Espazo Atlántico 2014-2020 ten unha dotación financeira de 140 millóns de euros de fondos comunitarios ata 2020

 

Santiago, 12 de novembro de 2016.- Un 45 por cento dos proxectos seleccionados no programa transnacional Interreg Espazo Atlántico 2014-2020 contan coa participación dalgunha entidade galega, segundo reflicten os datos achegados nun seminario informativo sobre este programa organizado pola Consellería de Facenda e que se celebrou esta semana en Santiago.

 

Este programa de cooperación territorial abarca rexións do Reino Unido, Irlanda, Francia, España e Portugal, e conta cunha dotación financeira do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) de máis de 140 millóns de euros.

 

A esta primeira convocatoria do programa Espazo Atlántico 2014-2020 presentáronse 425 solicitudes, das que 407 foron consideradas elixibles. Á segunda fase pasaron 102 (90 aprobadas e 12 en reserva), nas que están involucradas un total de 61 entidades galegas, incluídas universidades, centros tecnolóxicos, Administración autónomica, administracións locais, fundacións, empresas privadas ou cámaras de comercio, entre outras.

 

O seminario tivo por obxecto facilitar a elaboración do formulario da candidatura ás entidades que se presentaron a esta primeira convocatoria do programa, e que conseguiron superar a primeira fase de selección. A finalidade do seminario foi informar ás entidades que conforman os partenariados dos proxectos na elaboración de candidaturas.

 

Prioridades de investimento

As prioridades de investimento son a promoción da innovación e da competitividade, a eficiencia dos recursos incentivando e promovendo enerxías renovables e eficiencia enerxética, o fortalecemento da capacidade de resistencia do territorio aos riscos de orixe natural, climatolóxico e humano e a mellora da biodiversidade e o patrimonio cultural.

 

As 46 candidaturas seleccionadas que contan con beneficiarios galegos distribúense nas seguintes prioridades: 20 proxectos de innovación e competitividade (prioridade 1); 8 proxectos de eficiencia dos recursos (prioridade 2); 4 proxectos  de riscos territoriais (prioridade 3); e 14 proxectos de biodiversidade (prioridade 4).