Volver ao contido

Notas de prensa

Máis de 800 persoas están convocadas mañá ao primeiro exame das oposicións a 55 prazas de emprego público da escala de veterinarios

Máis de 800 persoas están convocadas mañá ao primeiro exame das oposicións a 55 prazas de emprego público da escala de veterinarios

  • O exame terá lugar no recinto da Feira Internacional de Galicia, en Silleda
  • 41 destas prazas son de acceso libre e 14 son para a quenda de promoción interna
  • As novas prazas permitirán reforzar os servizos veterinarios e a seguridade alimentaria

Santiago de Compostela, 19 de maio de 2018.- Un total de 802 persoas están convocadas ao primeiro exame do proceso selectivo para acceder a 55 prazas de veterinarios, que se celebrará mañá domingo no recinto feiral de Silleda (Pontevedra). Do total, 41 prazas son de acceso libre, das que catro están reservadas para persoas con discapacidade. As 14 restantes son para a quenda de promoción interna.

O exame de mañá terá lugar no auditorio do recinto da Feira Internacional de Galicia, no pavillón número 2, en chamamento único, e comezará ás nove e media da mañá. Esta proba será escrita, e os aspirantes que a superen terán que facer dous exames máis na fase de oposición, para pasar logo á fase de concurso.

Este primeiro exercicio consistirá en contestar por escrito un cuestionario de 180 preguntas tipo test, 30 delas da parte xeral do programa e 150 da parte específica, máis cinco preguntas de reserva. Cada pregunta ten catro respostas alternativas propostas polo tribunal, das que só unha delas será a correcta. Hai que ter en conta, non obstante, que as persoas aspirantes procedentes da quenda de promoción interna están exentas neste exercicio da parte xeral do programa.

Posteriormente, tal e como dispón a orde de convocatoria, as persoas que superen este primeiro exercicio serán convocadas para o segundo, consistente en resolver por escrito dous supostos de carácter práctico sobre a parte específica do programa. Para finalizar esta fase de oposición, terá lugar o terceiro exercicio, consistente na tradución dun texto do castelán para o galego e outro do galego para o castelán.

Fase de concurso
Finalizada a fase de oposición, terá lugar a de concurso, consistente na valoración ás persoas aspirantes que superaron os tres exercicios referidos dos méritos que acrediten (segundo o disposto na base II.2 da convocatoria).

Estas 55 prazas convocadas para a escala de veterinarios (subgrupo A1) permitirán reforzar os servizos veterinarios e a seguridade alimentaria, dado que a Administración galega dispón destes profesionais en consellerías como Medio Rural, Sanidade, Mar ou Medio Ambiente e Ordenación do Territorio.