Volver ao contido

Notas de prensa

Máis de 107.000 galegos recibiron unha herdanza en 2019 e non pagaron nin un euro do imposto de sucesións á Xunta

Máis de 107.000 galegos recibiron unha herdanza en 2019 e non pagaron nin un euro do imposto de sucesións á Xunta

  • O impacto da baixada fiscal nos impostos de sucesións e transmisións patrimoniais foi en 2019 de 111 millóns, recursos que quedaron no peto dos fogares galegos
  • A Axencia Tributaria de Galicia publica hoxe o informe xeral de actividade de 2019
  • A recadación total foi de 594,8 millóns, un 6,6% menos que en 2018
  • As actuacións de control fiscal permitiron aflorar 106,7 millóns de euros
  • Máis de 229.000 contribuíntes foron atendidos de xeito presencial
  • A confección de autoliquidacións por vía electrónica segue medrando e xa supón o 73% do total, fronte ao 27% en papel

Santiago de Compostela, 3 de agosto de 2020.- Un total de 107.641 galegos recibiron unha herdanza dun familiar directo no ano 2019 e non pagaron nin un euro polo imposto de sucesións e doazóns á Xunta de Galicia, mentres que outros 29.019 contribuíntes beneficiáronse das baixadas de impostos aplicadas no imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados. En total, o impacto destas rebaixas de impostos o pasado ano foi de 111 millóns de euros, recursos que quedaron en mans dos fogares e empresas galegas.  
 
A Axencia Tributaria de Galicia (Atriga) publica hoxe o seu informe xeral de actividade de 2019, no que se inclúen este e outros datos de actividade deste organismo autonómico. En 2019 a Atriga acadou uns ingresos de 594,8 millóns, o que supón un descenso do 6,6% respecto a 2018. A razón desta baixada está no efecto positivo das actuacións de comprobación iniciadas no ano 2017 e que finalizaron no ano 2018, que se une ao efecto das novas rebaixas fiscais aplicadas no exercicio 2019 tanto no imposto sobre sucesións
–duplicando a redución nas herdanzas entre irmáns– como no de transmisións patrimoniais, cunha rebaixa da fiscalidade na adquisición de vivenda para uso habitual.

Os principais ingresos tributarios correspondéronse co imposto de transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados –cunha recadación líquida de 288,4 millóns, un 7,8% máis– e co imposto sobre sucesións e doazóns, con 131,3 millóns –un 34,2% menos-. O resto da recadación obtívose no imposto sobre patrimonio (85,5 millóns, un 7,9% máis); nas taxas fiscais sobre o xogo (52,9 millóns, un 0,9% menos) e nos tributos propios, cuxa recadación en 2019 ascendeu a 36,4 millóns, un 3% menos.

Control fiscal
No ámbito da prevención e control, as actuacións desenvolvidas pola Atriga permitiron aflorar 106,7 millóns de euros de débeda non declarada. Isto supón un descenso do 40% respecto ao ano 2018, unha caída que se debe á conclusión no exercicio 2018 das actuacións derivadas do plan especial iniciado o ano anterior e que, polo tanto, non tiveron efecto xa no exercicio 2019.

No último exercicio, a Atriga efectuou 510.365 comprobacións de autoliquidacións de impostos. Unha vez revisadas estas autoliquidacións, no caso de detectar que non é correcta, a Atriga practica unha liquidación para que o contribuínte tribute conforme á legalidade. O número de liquidacións practicadas a raíz dunha comprobación foi de 29.532, o que supón un 1,1% máis respecto a 2018. Do total de liquidacións practicadas pola Atriga, 15.777 foron no imposto de transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, 7.690 no imposto de sucesións e doazóns, e 5.600 no ITP na transmisión de vehículos. Ademais, en 2019 a Atriga realizou 999 actuacións de inspección, incluíndo actas de inspección, procedementos sancionadores e dilixencias de colaboración.

O informe xeral de actividade indica que en 2019 o 94,2% das autoliquidacións revisadas pola Administración galega eran correctas e non precisaron modificacións, e só no 5,8% dos casos a Atriga modificou a autoliquidación presentada. Esta porcentaxe volve demostrar que a inmensa maioría dos contribuíntes en Galicia pagan correctamente os seus impostos.

Valoracións e aprazamentos
Respecto ás valoracións, o número de bens valorados pola Atriga en 2019 ascendeu a 606.455, o que representa un incremento de 1,6% en comparación co ano anterior. Deste total, máis de 300.000 foron realizadas a través da páxina web da Atriga.

En canto á actividade das unidades de valoración, en 2019 fixeron 197.524 valoracións por un valor total comprobado de 6.611 millóns de euros, o que supuxo un incremento sobre o valor declarado de 1.099 millóns, un 14% menos que no ano 2018.

Ademais, A Axencia Tributaria de Galicia concedeu case 2.899 aprazamentos e fraccionamentos no pagamento de ingresos xestionados pola Atriga, por un importe de 19,5 millóns. O número de aprazamentos concedidos é practicamente o mesmo que no exercicio anterior, xa que o incemento é do 0,4%.

Atención presencial e uso da vía electrónica
Ao longo de 2019 máis de 229.000 contribuíntes foron atendidos de xeito presencial nas distintas delegacións do ente tributario galego. Ademais, en 2019 estiveron operativos os xestores de colas en todas as delegacións, o que permitiu rexistrar o número de atencións presenciais que se levan a cabo e analizar os tempos medios de atención por materia. Esta información foi clave para poñer en marcha o sistema de cita previa, que xa se puxo en marcha no primeiro semestre deste exercicio e que xa concedeu máis de 15.000 citas.

En todo caso, a confección de autoliquidacións por vía electrónica segue medrando e xa supón o 72,9% do total, fronte ao 27% en papel. O propio informe revela que en 2009 a porcentaxe de confección de autoliquidacións por vía electrónica era só do 46,4%, polo que o incremento na última década é de máis de 26 puntos.