Volver ao contido

Notas de prensa

Máis de 2.000 persoas están convocadas nos procesos selectivos da Xunta que se celebran esta fin de semana en Silleda

Máis de 2.000 persoas están convocadas nos procesos selectivos da Xunta que se celebran esta fin de semana en Silleda

  • Mañá realízanse os exames para diversas escalas do corpo superior A1 e do corpo de xestión A2, os niveis máis altos da administración
  • O domingo será a quenda da agrupación profesional de persoal subalterno dirixida exclusivamente para persoas con discapacidade intelectual

Santiago de Compostela, 29 de novembro de 2019.- Máis de 2.000 persoas están chamadas a participar nos procesos selectivos da Xunta de Galicia que se celebran esta fin de semana no recinto da Feira Internacional de Galicia, na localidade pontevedresa de Silleda. O número total de aspirantes convocados nos oito procesos selectivos é de 2.112 persoas.

As probas comezarán mañá ás 9,30 horas da mañá co primeiro exercicio para tres procesos selectivos distintos. Por un lado, as probas para cubrir oito prazas da escala de enxeñería técnica forestal (A2) para o que están convocados 425 aspirantes; por outro, o exame para o acceso a oito prazas da escala de enxeñería técnica agrícola (A2) con 354 persoas admitidas; e finalmente as probas para a cobertura de cinco prazas na escala de enxeñería técnica de obras públicas (A2) con 126 aspirantes admitidos.

A continuación, ás 16,00h será a quenda da escala de enxeñeiros de camiños (A1), na que están chamadas a participar 204 persoas para cubrir nove prazas; da escala de enxeñeiros de montes (A1) na que se convocaron oito prazas con 184 aspirantes admitidos; a de informática (A1) con 168 aspirantes para catro prazas; e finalmente, a de enxeñeiros agrónomos na que están chamadas a participar 143 persoas para cubrir seis prazas.

Discapacidade intelectual
En canto ao domingo, ás 10,00 horas da mañá será a quenda da agrupación profesional de subalterno para cubrir 24 prazas reservadas especificamente para as persoas con discapacidade intelectual.

Estes procesos selectivos son os segundos que desenvolve a Xunta de Galicia dirixidos exclusivamente a persoas con discapacidade intelectual. Respecto ao proceso anterior para o ingreso na categoría de ordenanza –no que foran admitidas un total de 429 persoas-  a convocatoria actual supón un aumento dun 18%.

Operativo de seguridade
Un operativo formado por máis de 30 persoas controlará durante toda a fin de semana os exames de acceso á Xunta de Galicia en Silleda. Tamén figuran máis dun cento de funcionarios da Administración galega que colaborarán no control de acceso aos pavillóns no que se realizarán os exames.
O recinto feiral de Silleda disporá tamén durante a fin de semana dunha ambulancia, habilitada pola Administración galega para atender calquera incidencia que se puidese producir durante a realización das probas.