Volver ao contido

Notas de prensa

Miguel Corgos anuncia que a Xunta aprobará a vindeira semana o Plan Xeral de prevención de riscos para a execución dos Fondos Next Generation

Miguel Corgos anuncia que a Xunta aprobará a vindeira semana o Plan Xeral de prevención de riscos para a execución dos Fondos Next Generation

  • O conselleiro de Facenda e Administración Pública participou na clausura dos XIV Encontros Técnicos dos OCEX 2021 organizados polo Consello de Contas de Galicia

Santiago de Compostela, 3 de decembro de 2021.- A Xunta de Galicia aprobará a vindeira semana o Plan Xeral de prevención de riscos para a execución dos Fondos Next Generation. Así o anunciou esta maña o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos durante a clausura dos XIV Encontros Técnicos dos OCEX 2021, organizados polo Consello de Contas de Galicia.

Na súa intervención, o conselleiro explicou que este documento recollerá as medidas que esixe a Unión Europea para a execución deses recursos e será de aplicación para todas as Consellerías, centros directivos e entidades do sector público que execute eses fondos de recuperación económica.

Este modelo para instrumentar mecanismos de prevención, detección e eliminación da fraude inclúe diversas actuacións que van desde o establecemento de procedementos específicos que permitan visibilizar aquelas áreas nas que poden existir riscos ata o control dos sistemas e operacións.

Ademais, Miguel Corgos tamén fixo fincapé no ámbito das tecnoloxías, que segundo explicou, van supoñer un cambio esencial no desenvolvemento dos procedementos de control. Neste sentido sinalou que as ferramentas baseadas no Big Data e no Business Inteligence resultan esenciais porque permiten sintetizar a información e dar valor engadido á toma de decisións.