Volver ao contido

Notas de prensa

Nove concellos xa solicitaron á Xunta asesoramento sobre a actualización catastral das construcións rurais

Nove concellos xa solicitaron á Xunta asesoramento sobre a actualización catastral das construcións rurais

  • Tres deles pertencen á provincia de A Coruña, outros tres a Pontevedra, dous son de Lugo e un de Ourense
  • Estes municipios disporán de máis información para poder exercer as súas competencias tributarias e asesorar aos seus veciños
  • A Administración do Estado está a realizar esta actualización ao abeiro do procedemento de regularización do Catastro
  • A normativa estatal establece que as construcións rústicas vencelladas a explotacións agrarias, gandeiras ou forestais deixan de ter valor catastral cero
  • A Xunta tamén informará aos concellos sobre o propio procedemento de regularización catastral, que incorpora ao Catastro os bens inmobles con construción e as alteracións das súas características
  • O obxectivo do Goberno galego é que os veciños poidan valorar e comprender este procedemento e, no seu caso, efectuar as alegacións que precisen

 

Santiago, 23 de xullo de 2016.- Nove concellos xa solicitaron a súa adhesión ao convenio asinado entre a Consellería de Facenda e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), a través do cal estes municipios recibirán asesoramento da Xunta sobre as súas competencias en relación aos cambios de valoración catastral que está a realizar o Estado nas construcións rurais, ao abeiro do procedemento de regularización catastral.

 

Este cambio afecta ás construcións vencelladas a explotacións agrarias, gandeiras ou forestais que tiñan valor catastral cero, e que agora pasan a ter un valor catastral que obriga aos seus propietarios a abonar o Imposto de Bens Inmobles (IBI). É por iso que Facenda –a través da Axencia Tributaria de Galicia (ATRIGA)- prestará asesoramento en materia tributaria aos concellos que voluntariamente o soliciten.

 

Ata agora son nove os concellos que xa solicitaron a súa adhesión ao convenio. Tres deles son da provincia de A Coruña (Brión, Ordes e Cariño); outros tres de Pontevedra (Silleda, Mondariz e Rodeiro); dous de Lugo (Trabada e O Vicedo) e un de Ourense (Xinzo de Limia).

A Axencia Tributaria de Galicia dotará a estes concellos –e aos que se adhiran nos vindeiros meses- de máis información sobre as competencias normativas que poden utilizar neste eido, toda vez que os concellos teñen a competencia sobre o IBI. Os municipios afectados son aqueles cuxos relatorios de valores sexan anteriores ao 1 de xaneiro de 2006.

 

O asesoramento desenvolverase no relativo ao uso polos concellos das competencias que legalmente teñen recoñecidas no imposto sobre bens inmobles e os seus efectos, así como na análise do cumprimento das regras fiscais e que fai referencia á lei orgánica de estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira, e demais normativa de aplicación.

 

Ademais, a Xunta colaborará cos concellos para axudar e informar á cidadanía galega sobre o proceso de regularización catastral que está a efectuar o Ministerio de Hacienda, co obxectivo de que os contribuíntes poidan valorar e comprender este procedemento e efectuar no seu caso as alegacións correspondentes. A Administración do Estado está a realizar un procedemento de regularización para incorporar ao Catastro os bens inmobles rústicos e urbanos con construción, e tamén as alteracións das súas características. Este procedemento ten un marcado carácter técnico que aconsella prestar este asesoramento.

 

É por isto que o obxectivo da Xunta é que os veciños poidan valorar e comprender este procedemento de regularización e, no seu caso, efectuar as alegacións que precisen. Para iso, a ATRIGA prestará asesoramento en materia tributaria aos concellos, e comprométese tamén a comprobar o mantemento da estabilidade orzamentaria e da sustentabilidade financeira dos concellos.

 

Ata finais de 2017

Os concellos que se adhiran a este convenio prestarán aos seus veciños a axuda e información precisa, por ser as administracións máis próximas ao cidadán. Isto  servirá para que os veciños teñan un mellor entendemento da finalidade, a tramitación e as repercusións do procedemento de regularización catastral que se fai no seu concello.

 

No marco deste convenio a Axencia Tributaria de Galicia contratará ata cinco funcionarios, en función do número de concellos que se adhiran ao convenio. Este acordo de colaboración terá vixencia ata o 31 de decembro de 2017, aínda que poderá ser prorrogado se chegada esa data non rematou o proceso de regularización catastral.

 

A Xunta impulsa o convenio pese a que carece de competencias neste eido, posto que o Catastro Inmobiliario é competencia exclusiva da Administración do Estado, e as corporacións locais teñen recoñecidas as competencias no Imposto sobre Bens Inmobles.