Volver ao contido

Notas de prensa

O 70% das autoliquidacións de impostos presentadas na Axencia Tributaria de Galicia en 2017 realizáronse por vía telemática

O 70% das autoliquidacións de impostos presentadas na Axencia Tributaria de Galicia en 2017 realizáronse por vía telemática

  • O aforro estimado para os contribuíntes acadou os 23 millóns de euros
  • O ente tributario galego tamén atendeu 262.000 contribuíntes presencialmente

Santiago de Compostela, 29 de xullo de 2018.- Sete de cada dez autoliquidacións de impostos tramitadas pola Axencia Tributaria de Galicia (ATRIGA) o pasado ano foron confeccionadas polos contribuíntes a través da vía telemática, o que permitiu un importante aforro para o cidadán e tamén para a Administración tributaria, segundo reflicten os datos da memoria anual deste organismo.

A confección de autoliquidacións de impostos por parte da ATRIGA lévase a cabo a través de dúas modalidades: por vía telemática, a través da Oficina Virtual Tributaria (OVT), ou por vía presencial en calquera das 47 oficinas habilitadas. E os últimos datos recompilados pola Axencia Tributaria de Galicia confirman que a maior parte das autoliquidacións realízanse xa a través da vía telemática, consolidando a tendencia á alza dos últimos exercicios.

O pasado ano, o 69,9% das autoliquidacións de impostos confeccionáronse a través da vía electrónica, o que permitiu un aforro para os contribuíntes de case 23 millóns de euros, fronte ao 30,1% de autoliquidacións realizadas en papel. A porcentaxe de autoliquidacións confeccionadas por vía telemática medrou 20 puntos desde 2010, ano en que a metade das mesmas aínda se presentaba en papel.

Atención presencial
Ademais, o organismo tributario galego atendeu presencialmente en 2017 máis de 262.000 persoas para a presentación de autoliquidacións de impostos nas súas cinco delegacións, un 1,8% máis que o ano anterior. O número de contribuíntes atendidos foi de 77.290 na Coruña, 31.130 en Lugo, 58.049 en Ourense, 37.408 en Pontevedra e 58.234 en Vigo, ata chegar aos 262.111 contribuíntes en Galicia.

No ano 2017 estiveron operativos os xestores de colas en todas as delegacións da ATRIGA, permitindo rexistrar o número de atencións presenciais que se levan a cabo e analizar os tempos medios de atención por materia. Isto permitirá o establecemento dun sistema de cita previa, co obxectivo de mellorar aínda máis a asistencia ao contribuínte.

Ao mesmo tempo, o pasado ano o persoal da ATRIGA atendeu 38.560 citas na campaña do IRPF do ano 2016, na que o ente tributario galego colabora desde hai anos coa Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT). As cidades con máis citas atendidas foron Vigo (12.051), Pontevedra (6.400) e Santiago (5.016), seguidas de A Coruña (4.367), Lugo (4.283), Ourense (3.859) e Ferrol, con 2.584 citas atendidas.