Volver ao contido

Notas de prensa

« Atrás

O conselleiro de Facenda aposta por consolidar o crecemento san de Galicia para levar a recuperación a todos os fogares

O conselleiro de Facenda aposta por consolidar o crecemento san de Galicia para levar a recuperación a todos os fogares

  • Valeriano Martínez lembra que Galicia está medrando máis que España e Europa, e ao mesmo tempo segue reducindo o déficit e creou 40.000 empregos en dous anos
  • "O obxectivo prioritario é completar a recuperación económica dos cidadáns", dixo
  • Na súa intervención no Parlamento, insistiu en que Galicia foi pioneira en estabilizar a débeda e por iso agora ten máis recursos para gastar nos galegos
  • Avanzou que nesta lexislatura Galicia completará a senda de consolidación fiscal, e mostrará "lealdade e firmeza" na reforma do sistema financiamento autonómico
  • O conselleiro indicou que Galicia seguirá entre as comunidades con menor presión fiscal para as rendas medias e baixas
  • No eido da Función Pública, explicou que os obxectivos son acadar a plena estabilidade e a equiparación das condicións de traballo dos empregados da Xunta
  • Confirmou que o Plan Estratéxico "está sendo útil" como folla de ruta ata 2020

Santiago, 4 de abril de 2017.- O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, reafirmou hoxe no Parlamento a aposta da Xunta por consolidar en Galicia un novo modelo de crecemento san, que permita completar a recuperación económica iniciada na pasada lexislatura e levala a todos os fogares galegos.

Na súa intervención na Cámara galega para expoñer as liñas xerais de funcionamento do seu departamento, o titular de Facenda explicou que o obxectivo prioritario do Goberno galego é manter un modelo de crecemento baseado no control do déficit e da débeda, no incremento do gasto en investimentos e na axilidade nos pagamentos aos provedores. "O obxectivo prioritario é completar a recuperación económica dos cidadáns", sinalou.

Valeriano Martínez destacou que esta liña de actuación deu os seus froitos no pasado ano, xa que a economía galega medrou un 3,4% -segundo os últimos datos do Instituto Nacional de Estatística-, máis que a media española (3,2%) e por riba do crecemento da Unión Europea, que foi inferior ao 2%. Ademais, Galicia acadou estes resultados ao tempo que creou 40.000 empregos a tempo completo nos últimos dous anos.

O titular de Facenda resaltou que Galicia foi pioneira en estabilizar a débeda, tal como demostran os últimos datos do Banco de España publicados a pasada semana. O endebedamento da Comunidade Autónoma leva dous anos estabilizado, a ratio de débeda/PIB é 6,2 puntos inferior á media autonómica e agora o obxectivo de Galicia é que comece a baixar, para seguir gastando menos en xuros da débeda e dedicar máis recursos a fortalecer os servizos públicos e mellorar a calidade de vida dos galegos.

Neste sentido, informou de que a Xunta aforrou 92 millóns en xuros nos últimos dous anos grazas ao control da débeda, e nesta lexislatura Galicia seguirá cumprindo os obxectivos de estabilidade orzamentaria para completar a senda de consolidación fiscal. De feito, destacou que o Ministerio de Facenda e Función Pública confirmou a pasada semana que Galicia volveu cumpriu en 2016 o obxectivo de déficit público –fixado no 0,7% polo Consello de Política Fiscal e Financeira-, ao reducilo ata o 0,54%.  

Lealdade e firmeza no financiamento autonómico
Na comparecencia, Valeriano Martínez tamén indicou que Galicia mostrará "lealdade e firmeza" diante do proceso de revisión do sistema financiamento autonómico. O conselleiro recalcou que o actual modelo "non é satisfactorio" porque non cuantifica o custo real da prestación dos servizos públicos e porque non pondera circunstancias excepcionais que ten Galicia, como a gran dispersión e o elevado avellentamento da súa poboación.

Sobre isto, dixo que a revisión do modelo actual ten que ter como base o custe efectivo dos servizos, a multilateralidade e a vocación de permanencia. "Queremos un sistema que garanta as necesidade de financiamento dos servizos públicos que presta Galicia", indicou.

Menos impostos e mellor emprego público
No eido da Función Pública, o titular de Facenda explicou que os obxectivos para a actual lexislatura son acadar "a plena estabilidade" e a equiparación das condicións de traballo e retributivas dos empregados da Administración galega. Para iso, seguiranse aprobando ofertas de emprego público e utilizaranse os instrumentos xa recollidos na Lei de Emprego Público aprobada en 2015, como por exemplo as ofertas de funcionarización do persoal.

O conselleiro indicou tamén que Galicia seguirá entre as comunidades con menor presión fiscal para as rendas medias e baixas, e lembrou que a rebaixa de impostos aprobada en 2016 no Imposto sobre Sucesións, o IRPF e no rural ampliouse neste 2017 á adquisición de vivenda habitual no rural para mozos, familias numerosas e persoas con discapacidade.

Finalmente, Valeriano Martínez informou de que o Plan Estratéxico 2015-2020 "está sendo útil" como folla de ruta para a acción da Xunta para os vindeiros anos. En todo caso, realizarase un seguimento exhaustivo e unha avaliación dos principais indicadores, para corrixir se é necesario as liñas de actuación que non amosen os resultados esperados.