O conselleiro de Facenda debateu na UIMP sobre a gobernanza fiscal en países descentralizados
- Valeriano Martínez participou hoxe en Santander nunha mesa redonda na que se analizou o papel das administracións territoriais en materia fiscal
- Interviñeron tamén as conselleiras de Facenda do Goberno das Illas Baleares e da Xunta de Castela e León
- As xornadas foron inauguradas o luns polo presidente da Airef, José Luis Escrivá
Santiago de Compostela, 13 de setembro de 2017.- O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, participou hoxe en Santander nunha mesa redonda sobre a gobernanza fiscal en países descentralizados, organizada pola Autoridad Independiente de Responsabilidad Fiscal (Airef) e pola Universidad Internacional Menéndez Pelayo (UIMP), dentro dos cursos de verán que anualmente programa a institución académica.
Valeriano Martínez interveu nunha mesa redonda na que participaron tamén a conselleira de Hacienda y Administraciones Públicas, do Goberno das Illas Baleares, Catalina Cladera, e a conselleira de Economía y Hacienda da Xunta de Castela e León, María del Pilar del Olmo.
Os tres relatores abordaron o papel das administracións territoriais en materia de gobernabilidade fiscal en países descentralizados, moderados por José Fernández-Albertos, investigador do Instituto de Políticas e Bens Públicos-CSIC.
As xornadas foron inauguradas o pasado luns polo presidente da Airef, José Luis Escribá, día no que, entre outros, interveu o director de estudos de política económica do departamento de economía da Organización para la Cooperación y el Desarrollo Económicos (OCDE), Cristian Kastrop, quen departiu sobre a experiencia internacional nos sistemas fiscais descentralizados.
Reforma do sistema de financiamento territorial
Noutra das mesas redondas convocadas, neste caso onte martes, participou o catedrático do departamento de economía aplicada da Universidade de Vigo, Santiago Lago Peñas, xunto con outros expertos, que abordaron o tema: a gobernanza fiscal e a reforma do sistema de financiamento territorial.
As xornadas foron clausuradas este mércores polo presidente da Airef e polo conselleiro de Hacienda, Economía y Empleo do Goberno de Cantabria, Juan José Sota.