Volver ao contido

Notas de prensa

O conselleiro de Facenda destaca a relevancia da formación económico-empresarial para a economía de Galicia

O conselleiro de Facenda destaca a relevancia da formación económico-empresarial para a economía de Galicia

  • Valeriano Martínez participou no acto de presentación do 50 aniversario de estudos de economía en Galicia, organizado pola USC
  • Subliñou a necesidade de contar con bos profesionais especializados nestes eidos

 

Santiago de Compostela, 3 de outubro de 2017.- O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, destacou hoxe a importancia e relevancia que ten a formación económico-empresarial para a economía de Galicia e a necesidade de contar con bos profesionais especializados nestas áreas.

 

Valeriano Martínez participou no acto de presentación do 50 aniversario de estudos de economía en Galicia organizado pola facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago de Compostela (USC), que reunirá a diversas personalidades académicas e representantes institucionais ao longo de todo o ano académico.

 

Na súa intervención, o titular de Facenda subliñou que os estudos relacionados co eido da Economía e da Empresa seguen a ser moi demandados polos alumnos e alumnas de Galicia, así como tamén o son os másters para ampliar e especializar a súa formación.

 

Neste sentido, explicou que se trata de "todo un conxunto de oportunidades" para os centos de alumnos e alumnas que entran cada curso coa ilusión de aprender as claves do actual mapa económico e empresarial.

 

O conxunto de actos iniciados hoxe abordarán a evolución da economía de Galicia ao longo dos últimos 50 anos e desde diversas perspectivas a través dun calendario de actividades, con variedade de foros e xornadas que servirán para difundir e actualizar todo o corpus académico relacionado ca economía e a empresa.