Volver ao contido

Notas de prensa

O conselleiro de Facenda destaca o labor dos economistas para reforzar a recuperación con estabilidade e planificación

O conselleiro de Facenda destaca o labor dos economistas para reforzar a recuperación con estabilidade e planificación

  • Sinalou que o seu traballo resulta esencial para que as institucións sexan capaces de tomar as decisións máis axeitadas coa máxima axilidade posible
  • Valeriano Martínez participou en A Coruña nun acto organizado con motivo da celebración da festividade dos economistas

 

A Coruña, 30 de xuño de 2016.- O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, destacou hoxe a importancia do labor que realizan os economistas para consolidar unha recuperación económica baseada na estabilidade e a planificación.

 

Valeriano Martínez, que participou nun acto organizado polo Colexio de Economistas de A Coruña con motivo da festividade dos economistas, sinalou que o seu traballo resulta esencial para que "coa vosa axuda, as institucións poidamos contribuír a consolidar esta recuperación e sexamos capaces de tomar as decisións máis axeitadas coa máxima axilidade posible".

 

Durante a súa intervención, o titular de Facenda sinalou ademais que a estabilidade que vén mantendo o Executivo galego dende hai máis de sete anos "foi clave para que Galicia soportase mellor a crise, e axudará tamén a fortalecer a melloría económica".

 

Neste sentido, lembrou que a Xunta levou a cabo neste 2016 a maior rebaixa de impostos da autonomía; puxo en marcha políticas que afondan na recuperación do mercado laboral; aprobou un paquete de medidas sociais para que a recuperación chegue a todos os fogares; e reforzou o investimento.

 

Ademais, tamén elaborou o Plan Estratéxico Galicia 2015-2020, un documento que marca a folla de ruta para fortalecer un modelo de crecemento integrador e inclusivo e trasladar de maneira xusta a recuperación económica ás empresas e á cidadanía.

 

Finalmente, o conselleiro sinalou que "é máis necesario ca nunca seguir sumando esforzos para consolidar os avances económicos xa acadados e continuar por este camiño de estabilidade, solvencia e planificación".