Volver ao contido

Notas de prensa

O conselleiro de Facenda destaca que o Plan de Financiamento 2016-2020 garante a suficiencia, a equidade e a eficiencia da Universidade

O conselleiro de Facenda destaca que o Plan de Financiamento 2016-2020 garante a suficiencia, a equidade e a eficiencia da Universidade

  • Valeriano Martínez clausurou as XXX Xornadas de Xestión Universitaria, organizadas pola Universidade de Vigo
  • Sinalou que o Plan de Financiamento 2016-2020 conta cun total de 2.480 millóns
  • Entre as novidades destacan o reparto máis transparente dos recursos e a primacía da eficiencia na xestión

 

Vigo, 22 de setembro de 2017.- O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, destacou hoxe que o Plan de Financiamento 2016-2020 garante a suficiencia dinámica das Universidades, a súa equidade institucional transparente e neutral, e a eficiencia na asignación dos seus recursos en función dos resultados.

 

Así o expuxo durante a clausura das XXX Xornadas de Xestión Universitaria, organizadas pola Universidade de Vigo (UVIGO), onde tamén subliñou que o novo plan achega un total de 2.480 millóns de euros, un 17,8% máis que o anterior. Segundo explicou, este plan favorece a estabilidade a medio prazo para que as universidades conten cun respaldo financeiro para atender as súas necesidades básicas e a toma de decisións estratéxicas.

 

Durante a súa intervención, o titular de Facenda sinalou que se trata dun "modelo para a Universidade do século XXI", orientado á obtención de resultados contrastables nos ámbitos fundamentais da actividade universitaria, como son a docencia, a investigación, o desenvolvemento tecnolóxico, a transparencia do coñecemento e a innovación.

 

Neste sentido, subliñou que para ser competitivas, as universidades deben ampliar a captación de recursos e diversificar as súas fontes de financiamento de xeito que aumente progresivamente a porcentaxe que representan nos seus ingresos os fondos alleos ao financiamento público.

 

Novidades do Plan de Financiamento 2016-2020

Entre as novidades que introduciu este Plan destaca o reparto máis simple e transparente dos recursos; a primacía da eficiencia na xestión; e a aposta polo incremento do peso do financiamento vinculado aos resultados de investigación, co obxectivo de que no ano 2020 representen o 40% dos fondos asignados.

 

Trátase, en definitiva, dun marco de financiamento maduro para modernizar as universidades galegas a medio prazo, cunha planificación de estratexias orientadas a facilitar a súa converxencia cas universidades tanto dos sistema español como a nivel internacional, explicou o conselleiro de Facenda.