Volver ao contido

Notas de prensa

O conselleiro de Facenda di que a estabilidade e a solvencia de Galicia son fortalezas que consolidan o crecemento económico

O conselleiro de Facenda di que a estabilidade e a solvencia de Galicia son fortalezas que consolidan o crecemento económico

  • Valeriano Martínez inaugurou a xornada ‘ La sostenibilidad fiscal y subhaciendas centrales en España: desafíos y reformas'
  • Na intervención sinalou que Galicia mantén a súa autonomía financeira e segue sendo un territorio fiable, serio e que xera confianza
  • Explicou que a folla de ruta da Xunta é seguir apostando por un crecemento san, reducindo o déficit e a débeda, pagando con axilidade e blindando o gasto social
  • Avogou por seguir xerando confianza e credibilidade para facer de Galicia un lugar atractivo e seguro para investir

Santiago, 19 de outubro de 2016.- O conselleiro de Facenda en funcións, Valeriano Martínez, destacou hoxe a estabilidade institucional e a solvencia de Galicia como fortalezas para consolidar a recuperación económica, a creación de emprego e blindar o futuro.

Na inauguración esta mañá da xornada 'La sostenibilidad fiscal y subhaciendas centrales en España: desafíos y reformas', organizada pola Red de investigadores en financiación autonómica y descentralización financiera en España (RIFDE), Valeriano Martínez subliñou que Galicia "mantén a súa autonomía financeira e aforra cartos en pagar débeda para que os galegos paguen menos impostos" e segue sendo un territorio fiable, serio e que xera confianza. "Cremos que investir en estabilidade e solvencia é a mellor ferramenta para blindar o noso futuro", apuntou.

Durante a súa intervención, o titular de Facenda explicou que a folla de ruta da Xunta segue sendo afondar nun crecemento san e executar o Plan Estratéxico ata o ano 2020. Así, explicou que Galicia ten un modelo propio de crecemento que está a dar os seus froitos xa que "medra a un ritmo do 3% e crea emprego".

Neste sentido, destacou que Galicia vai seguir apostando por un crecemento san baseado na estabilidade e o rigor, reducindo as ratios de déficit e de débeda; pagando con axilidade aos provedores; blindando o gasto social e liderando os investimentos.

Ademais, o conselleiro en funcións sinalou que esta folla de ruta conta cun instrumento básico como é o Plan Estratéxico ata o ano 2020, que ten o reto de baixar a taxa de paro ao entorno do 10% a finais desta década e crear 100.000 novos postos de traballo. "Galicia é unha das poucas comunidades que contan cun Plan Estratéxico aprobado e avalado por economistas de prestixio e polas autoridades da Unión Europea", subliñou.

Finalmente, Valeriano Martínez avogou por seguir xerando confianza e credibilidade que se traducen en investimentos, posto que os empresarios perciben Galicia como un lugar atractivo e seguro para investir.