Volver ao contido

Notas de prensa

O conselleiro de Facenda resalta a actividade aseguradora como piar que garante a tranquilidade de cidadáns e empresas

O conselleiro de Facenda resalta a actividade aseguradora como piar que garante a tranquilidade de cidadáns e empresas

  • Valeriano Martínez participou hoxe na entrega dos Premios Galicia Segura, organizados polo Instituto Atlántico do Seguro (INADE)
  • Na súa intervención, destacou que se trata dun sector sólido que aguantou mellor que outros os efectos da crise
  • O número de mediadores inscritos xa acada os 137, con 300 empregos directos e máis de 400 se se inclúen os colaboradores externos

 

Santiago, 12 de maio de 2016.- O conselleiro de Facenda,  Valeriano Martínez, participou hoxe en Santiago na entrega de Premios Galicia Segura 2016 -organizada polo Instituto Atlántico do Seguro (INADE)-, onde destacou que a actividade aseguradora, cunha experiencia de hai xa máis de cen anos, constitúe un piar imprescindible "para garantir a tranquilidade de cidadáns, empresas e institucións".

 

Na súa intervención, recalcou que se trata dun sector sólido que acompañou a evolución económica tanto estatal como autonómica, estimulando o investimento e contribuíndo á equidade e á nivelación social da economía. E engadiu que a fortaleza do sector evidenciouse en que, a pesar dos efectos adversos, conseguiu manter uns altos niveis de solvencia e rendabilidade económica e que segue a ser unha industria xeradora de emprego estable, que superou con éxito os peores anos da crise nun contexto de forte competencia.

 

Así, botando man dos indicadores de 2015, sinalou que o número de mediadores inscritos no rexistro económico recuperouse e xa acada os 137 na actualidade, mentres se mantén a tendencia de incremento anual dos profesionais, coa inscrición, de maneira predominante, de novos corredores e corredurías.

 

O titular de Facenda tamén resaltou no proceso a estabilización nos últimos exercicios das primas intermedias, situándose agora nun nivel superior aos 70 millóns de euros anuais. Nesta liña, está a distribución en ramos de vida e non vida, cunha tendencia alcista no caso do ramo de vida e nas comisión percibidas, que a partir do ano 2013 presentan una recuperación parella á do seu volume de primas.

 

En canto a persoal, tendo en conta só o relacionado coa actividade de mediación nas súas distintas figuras, o conselleiro manifestou que o emprego directo mantense, con aproximadamente 300 persoas, superando as 400 se se inclúen os colaboradores externos.     

 

Xa no contexto global de Galicia, manifestou Valeriano Martínez que os datos dos últimos meses falan "dun crecemento cada vez máis sólido" e "cunha progresiva recuperación do mercado laboral", o que amosa que "comezamos a ver a crise económica desde o retrovisor", algo polo que "todos nos debemos felicitar", manifestou.