Volver ao contido

Notas de prensa

O conselleiro de Facenda resalta a preocupación crecente pola transparencia e a calidade das auditorías

O conselleiro de Facenda resalta a preocupación crecente pola transparencia e a calidade das auditorías

  • Valeriano Martínez inaugurou hoxe o XIX Congreso da Asociación Española de Contabilidade e Administración de Empresas (AECA), un dos principais foros internacionais sobre auditoría e contabilidade
  • ecalcou que desde o público e o privado hai que traballar conxuntamente para restaurar a perda de confianza que trouxo a crise sobre os organismos de control
  • Destacou tamén que o traballo de auditor xa non se centra só nas contas anuais, senón que require tamén información sobre o informe de xestión

Santiago de Compostela, 27 de setembro de 2017.- O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, destacou hoxe a preocupación crecente que existe pola transparencia e a calidade da auditoría, e pola necesidade de avanzar en aspectos como a claridade e relevancia da información que deben ofrecer as empresas e a actividade pública.

O titular de Facenda, que participou esta mañá en Santiago na inauguración do XIX Congreso da Asociación Española de Contabilidade e Administración de Empresas (AECA), lembrou que a evolución da economía nos últimos anos provocou que se cuestionase tanto a nivel nacional como internacional a independencia dos organismos de control, a súa regulación e actuación e a súa utilidade para facer fronte a unha situación de crise.

Por iso, argumentou que tanto desde o ámbito privado como desde o público debe traballarse conxuntamente para restaurar esa confianza que permita reforzar a estabilidade, "a través da transparencia e da solidez dos mecanismos de control", recalcou.

Neste sentido, dixo que o traballo do auditor debe ser máis accesible ao cidadán e que hai que mellorar a comunicación e aproveitar as novas tecnoloxías, avanzando desde eixes claves como a comparabilidade en materia contable e de auditoría mediante o establecemento de normas comúns, na redución ou simplificación das obrigacións para as pemes ou reforzando a independencia e os mecanismos de supervisión.

Tras un repaso ao papel das administracións públicas para garantir un marco lexislativo que permita manter a confianza na función auditora, destacou que a nivel nacional e autonómico foi necesario apostar pola racionalización e o estudo das estruturas administrativas, así como por unha correcta planificación e orzamento que permitise medir os resultados obtidos e o control estrito do cumprimento dos compromisos adquiridos.  

O conselleiro afirmou ademais que o alcance do traballo de auditor xa non se centra só nas contas anuais senón que require tamén información sobre o informe de xestión.