Volver ao contido

Notas de prensa

O conselleiro de Facenda resalta a solvencia do sector asegurador para adaptarse aos novos retos do mercado

O conselleiro de Facenda resalta a solvencia do sector asegurador para adaptarse aos novos retos do mercado

  • Valeriano Martínez participou esta tarde na entrega dos Premios Galicia Segura, que organiza anualmente o Instituto Atlántico do Seguro
  • Na súa intervención destacou a boa evolución do sector, que experimentou un incremento das primas de máis dun 7,5% no ano 2016

 

Santiago, 11 de maio de 2017.-  O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, destacou hoxe a solvencia do sector asegurador, que deixou atrás anos de crise e que superou os cambios que lle están a afectar á regulación, así como as esixencias de información tanto no mercado como na supervisión, afrontando ademais con éxito os novos retos do mercado.

 

O titular de Facenda, que asistiu en Santiago á entrega dos Premios Galicia Segura organizada polo Instituto Atlántico do Seguro (Inade), argumentou que esa boa evolución tradúcese en que xa no ano 2015 o volume de primas do sector acadou os 57.000 millóns de euros, "un valor similar ao do ano 2012", dixo, pero que se incrementou con respecto a 2014, tanto no ramo de vida como no de non vida, logo de varios exercicios á baixa.

 

Engadiu que esta tendencia queda patente no último dato dispoñible, do terceiro trimestre de 2016, cun aumento de máis do 14% do importe de primas devengadas en relación co mesmo período do ano anterior.

 

En canto ao sector da mediación en Galicia, Valeriano Martínez sinalou que as cifras dos profesionais inscritos no Rexistro Autonómico no ano 2016 tamén confirman a recuperación, con datos xa definitivos que "nos permiten ser optimistas", como un aumento superior ao 7,5% das primas sobre 2015, "acadando o pasado exercicio os 77 millóns de euros", destacou.

 

Tras incidir na reordenación administrativa que terá que acometer o sector anunciada polo Goberno central, lembrou a nova lei e o regulamento de supervisión e solvencia das entidades aseguradoras e reaseguradoras, que traspón a normativa nacional á directiva europea Solvencia II. En referencia ao anteproxecto de lei de Distribución de Seguros e Reaseguros, explicou que amplía o concepto de distribución, incluíndo, ademais dos  mediadores, a outros participantes no mercado que distribúen seguros con carácter auxiliar.

 

Na liña da boa evolución económica, o conselleiro destacou que Galicia xa recuperou os niveis de riqueza precrise e que se está a intensificar a recuperación do mercado laboral, con 40.000 novos postos de traballo equivalentes a tempo completo nos últimos anos. Valeriano Martínez engadiu que aínda que queda moito por facer, "temos que ser capaces de incentivar ao sector privado" para que se fortaleza e creza de maneira sostida.