Volver ao contido

Notas de prensa

O conselleiro de Facenda subliña o compromiso do Goberno galego cos empresarios para mellorar a competitividade

O conselleiro de Facenda subliña o compromiso do Goberno galego cos empresarios para mellorar a competitividade

  • Valeriano Martínez clausurou a xornada ‘Los caminos de la competitividad', organizada por APD
  • Sinalou que a Xunta xa puxo en marcha diversas medidas para que as empresas galegas poidan acadar con éxito a súa competitividade e mantela
  • Destacou a redución de impostos, a supresión de burocracia ou o fomento da innovación e a internacionalización
  • A xornada foi inaugurada polo director do Igape, Javier Aguilera

 

Santiago, 3 de novembro de 2016.- O conselleiro de Facenda en funcións, Valeriano Martínez, subliñou hoxe o compromiso que ten o Goberno galego cos empresarios, emprendedores e autónomos para lograr con éxito o camiño da competitividade. O titular de Facenda, que clausurou a xornada ‘Los caminos de la competitividad',  organizada pola Asociación para el Progreso de la Dirección (APD), explicou que aínda que a competitividade teñen que gañala as propias empresas "nós, como Goberno, temos a obriga de axudar e estamos a facelo desde varios puntos de vista".

 

Neste sentido, destacou algunhas das medidas postas en marcha pola Xunta para que as empresas galegas poidan acadar con éxito a súa competitividade e poidan mantela. Así, lembrou que o Executivo autonómico achega estabilidade e elimina burocracia co fin de suprimir barreiras e impulsar a posta en marcha de proxectos.

 

Fixo alusión tamén a redución de impostos e ao fomento do financiamento para as empresas e os emprendedores "porque estamos convencidos de que menos cargas supoñen máis posibilidades de ser competitivos", sinalou. Neste sentido explicou ademais, que a Xunta facilitou a transmisión interxeracional de empresas a máis de 6.200 contribuíntes dende 2010 e aplicou una redución fiscal que xerou un aforro de máis de 72 millóns de euros.

 

Valeriano Martínez destacou que o Goberno galego cumpre coas súas obrigas e paga con axilidade para achegar liquidez aos provedores, ao tempo que aposta por unha estratexia e unha planificación económica "porque se queremos volver á prosperidade precrise e manter a competitividade no futuro, necesitamos unha estratexia a medio e longo prazo", apuntou.

 

Durante a súa intervención, o conselleiro tamén puxo en valor os incentivos á contratación, a aposta pola internacionalización para incrementar os mercados, o reforzo da innovación para competir en mellores condicións e a venda de solo industrial máis barato. Todo isto para que, segundo explicou, os empresarios, emprendedores e autónomos "teñan en nós un cómplice e un aliado para transitar con éxito cara ese camiño da competitividade", concluíu.

 

Apertura da xornada

Pola súa parte, o director do Igape, Javier Aguilera, que participou previamente na apertura da xornada, destacou que o obxectivo do Goberno autonómico é procurar que as empresas gañen en competitividade, polo que animou ao tecido empresarial galego a seguir traballando para detectar tendencias de cambio, interpretar como poden afectar ás súas empresas e anticiparse para así obrar en consecuencia.

 

Aguilera salientou os avances acadados co desenvolvemento da Axenda da Competitividade de Galicia-Industria 4.0, mediante aportacións como os plans de sistemas sectoriais para coñecer a realidade tecnolóxica das empresas e apoialas nos seus procesos de dixitalización e conectividade, ou a través de xornadas técnicas como a organizada hoxe.

 

A Xunta tamén ten activado este ano programas como Galicia 1000 ou Galicia Inviste, para asegurar que as pemes conten cos apoios que precisen, adecuados aos seus proxectos para investir, crear emprego ou localizar negocio en novos mercados exteriores. Nesta mesma liña, ademais de préstamos directos, préstamos participativos ou préstamos bancarios bonificados ou avalados polo Igape, as pemes galegas poden dispoñer de liñas de axuda para cubrir ata o 35% de investimentos, a partir de 50.000 euros.