Volver ao contido

Notas de prensa

O IGE detecta unha mellora da situación económica dos fogares galegos e un aumento da confianza dos consumidores

O IGE detecta unha mellora da situación económica dos fogares galegos e un aumento da confianza dos consumidores

  • O número de fogares que chegan con dificultades a fin de mes é o máis baixo de toda a serie histórica
  • No último ano melloraron as súas perspectivas sobre a situación económica de Galicia, a evolución do desemprego e a capacidade de aforro

Santiago de Compostela, 4 de xullo de 2017.- O Instituto Galego de Estatística (IGE) detecta unha mellora da situación económica dos fogares galegos e, ao mesmo tempo, un aumento da confianza dos consumidores, segundo reflicte a Enquisa conxuntural a fogares referente ao segundo trimestre do ano, publicada hoxe.

En concreto, o número de fogares que chegan con facilidade ou moita facilidade a fin de mes aumentou ata o 54,5%, mentres que o a cifra de fogares con dificultade ou moita dificultade descendeu ata o 45,5%. Este é o resultado máis baixo de fogares con algunha dificultade a fin de mes de toda a serie histórica, que se inicia no primeiro trimestre de 2010.

De feito, o número de fogares que chegan con facilidade a fin de mes medrou en Galicia en máis de 10 puntos no último ano, mentres que o incremento é de 6,4 puntos en comparación co primeiro trimestre de 2017.

Ademais, a enquisa do IGE mostra tamén unha redución dos fogares que no segundo trimestre tomaron medidas para reducir gastos, aumentar ingresos ou afrontar pagos. Por exemplo, o instituto estatístico ratifica que baixan os fogares que cambian os seus hábitos de compra para aforrar, que diminúen outros gastos comúns –como roupa, calzado ou transporte- e que reciben axuda económica de familiares ou amizades.

Máis confianza
En canto á confianza dos fogares, o indicador de confianza do consumidor tamén acadou no segundo trimestre o mellor resultado de toda a serie histórica, ao situarse no -8,18. Isto supón unha mellora de máis de 8 puntos respecto ao mesmo trimestre de 2016 (-16,37), e un incremento de 1,4 puntos sobre o trimestre anterior.

Esta mellora é consecuencia das mellores perspectivas que teñen os fogares galegos sobre a situación financeira persoal, sobre a situación económica de Galicia ou sobre a evolución do desemprego nos vindeiros meses.