Volver ao contido

Notas de prensa

O IGE inicia a recollida de datos en máis de 9.200 vivendas galegas para elaborar a Enquisa estrutural a fogares 2018

O IGE inicia a recollida de datos en máis de 9.200 vivendas galegas para elaborar a Enquisa estrutural a fogares 2018

  • Esta enquisa permite coñecer as características socioeconómicas e as condicións de vida dos fogares da Comunidade galega
  • Os resultados deste traballo estarán listos en decembro, e está previsto consultar a arredor de 23.000 persoas

Santiago de Compostela, 1 de maio de 2018.-  O Instituto Galego de Estatística (IGE) comeza esta semana o proceso de recollida de información en máis de 9.200 vivendas para a próxima edición anual da ‘Enquisa estrutural a fogares', que finalizará no mes de xullo e cuxos resultados estarán listos en decembro.

Esta enquisa, de carácter oficial, está incluída na Lei do Plan Galego de Estatística 2017-2021 e estase a realizar desde o ano 1999. O seu obxectivo principal é o estudo das características socioeconómicas e as condicións de vida dos fogares galegos.

O traballo de campo consistirá na recollida de información sobre unha mostra aleatoria de 9.216 fogares repartidos por toda Galicia. Aos entrevistados realizaránselles preguntas relativas á idade, nivel de estudos, situación laboral, ingresos e gastos do fogar e privación material.

Ademais, este ano inclúense no cuestionario dous módulos específicos, un sobre novas tecnoloxías e outro sobre coñecemento e uso do galego. En total, está previsto que nesta enquisa participen unhas 23.000 persoas.

Confidencialidade
As vivendas seleccionadas recibirán unha carta na que se lle comunicará aos interesados a obriga que teñen de facilitar os datos, tal e como establece a Lei de Estatística de Galicia, normativa que, por outra parte, garante a confidencialidade de todos os datos que lle sexan proporcionados ao IGE.

En concreto, os datos obtidos están protexidos polo segredo estatístico e tan só se poden utilizar cunha finalidade estritamente estatística.