Volver ao contido

Notas de prensa

O ingreso medio dos fogares galegos medrou un 3,6% en 2017 e acadou os 2.079 euros mensuais, o máis alto da serie histórica

O ingreso medio dos fogares galegos medrou un 3,6% en 2017 e acadou os 2.079 euros mensuais, o máis alto da serie histórica

  • A Enquisa Estrutural a Fogares do IGE mostra que este indicador creceu por quinto ano consecutivo
  • Ademais, detéctase unha mellora xeral da situación económica doméstica e unha baixada do número de familias con dificultades a fin de mes
  • Baixa un 3,7% o gasto medio mensual nunha hipoteca e increméntase o gasto en aluguer

Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2018.- O ingreso medio dos fogares galegos aumentou en 2017 un 3,6%, ata situarse nos 2.079 euros, o que supón o quinto ano consecutivo no que medra este indicador económico. Ademais, é a cifra de ingresos máis alta de toda a serie histórica que se iniciou en 2007. Así o recolle a última Enquisa Estrutural a Fogares, publicada hoxe polo Instituto Galego de Estatística (IGE), que analiza a composición, a situación económica e o gasto que realizan os fogares de Galicia.

A enquisa do organismo estatístico da Comunidade Autónoma mostra unha mellora da situación económica doméstica, que trouxo consigo unha redución do número de fogares que chegan con dificultade económica a fin de mes. Este indicador baixou 1,6 puntos, ata situarse no 47,8% a cifra máis reducida desde antes da crise. Tamén é o terceiro ano consecutivo no que mellora este indicador.

O estudo do IGE mostra igualmente que a taxa de risco de pobreza en Galicia baixou en 2017 ao 15,9%, dúas décimas menos que o ano anterior, mentres que a taxa de risco de pobreza ou exclusión social de Galicia (estratexia Europa 2020) mantívose en 2017 no 20,3%. Hai que ter en conta que, nestes indicadores, Galicia mantén unha situación mellor que a do conxunto de España, segundo veñen mostrando tamén os datos do INE.

Baixa o gasto medio mensual en hipotecas
En canto aos gastos máis importantes que asumen as familias galegas, o organismo estatístico galego constata nesta enquisa que en 2017 o 19% dos fogares en Galicia afrontou unha hipoteca da vivenda principal, cun gasto medio de 380 euros ao mes, mentres que o 12,3% dos fogares reside nunha vivenda de aluguer, cun gasto medio mensual de 324 euros. En todo caso, o estudo indica que en 2017 baixa un 3,7% o gasto medio mensual nunha hipoteca; e increméntase un 7% o gasto en aluguer.

Respecto da fonte dos ingresos, a continua recuperación do mercado laboral trouxo consigo un incremento dos fogares cuxa principal fonte de ingreso é o traballo, que pasou do 54,4% en 2016 ao 55,1% no 2017. Pola contra, os fogares cuxa principal fonte de ingreso son as prestacións baixaron do 43,7% ao 43,2%, e o 1,6% restante ten como fonte de ingreso principal as rendas e outros ingresos.

Composición dos fogares
Segundo esta enquisa, a tipoloxía de fogar máis habitual en Galicia segue sendo o conformado por unha parella con fillos (32,1%). A continuación, a segunda tipoloxía máis frecuente é a dun fogar cunha parella sen fillos (24,2%), que se incrementa sobre o ano anterior (24,1%); mentres que os fogares unipersoais tamén se incrementan no 2017 e pasan do 21,2% do 2016 ao 21,7%.

O resto dos fogares galegos son monoparentais (9,9%), están formados por un núcleo e outras persoas (6,9%), dispoñen de varios núcleos (3,5%) ou carecen de núcleo (1,9%). Ademais, medran ata o 22,7% os fogares galegos conformados exclusivamente por persoas de 65 ou máis anos, mentres que no 5,7% deles só viven persoas menores de 35 anos.