Volver ao contido

Notas de prensa

O ingreso medio mensual por fogar medrou ata os 1.930 euros en 2015, segundo a última enquista estrutural do IGE

O ingreso medio mensual por fogar medrou ata os 1.930 euros en 2015, segundo a última enquista estrutural do IGE

  • O tipo de fogar máis habitual en Galicia está conformado por unha parella con fillos (33,2%) e unha parella sen fillos (23,2%)
  • En Galicia hai 1,06 millóns de fogares e os unipersoais representan o 21,7% do total
  • A porcentaxe de fogares que chegan con algunha dificultade económica a fin de mes baixou máis de cinco puntos nun ano
  • A taxa de risco de pobreza ou exclusión social mantense estable dende 2013 no entorno do 22,5%, seis puntos por debaixo de media española
  • Preto do 20% dos fogares galegos teñen unha hipoteca da vivenda principal, cun gasto medio de 386 euros ao mes

 

Santiago, 30 de decembro de 2016.- O ingreso medio mensual por fogar en Galicia aumentou en 2015 ata os 1.930 euros, o que supón o terceiro ano consecutivo no que medra este indicador económico, segundo mostra a última Enquisa Estrutural a Fogares publicada hoxe polo Instituto Galego de Estatística (IGE). Este estudo analiza a composición, a situación económica e o gasto que realizan os 1.060.792 fogares de Galicia.

 

Segundo esta enquisa, a tipoloxía de fogar máis habitual en Galicia é a dun fogar conformado por unha parella con fillos (33,19%), que medra lixeiramente respecto ao ano anterior (32,97%). A continuación, a segunda tipoloxía máis frecuente é a dun fogar  cunha parella sen fillos (23,18%), que diminúe sobre o ano anterior (23,61%); mentres que os fogares unipersoais tamén aumentan ao pasar do 20,97% en 2014 ao 21,66% en 2015.

 

Ademais, o 76,57% dos fogares galegos están compostos exclusivamente por persoas maiores de 16 anos. Esta porcentaxe redúcese respecto ao ano anterior, no que no 76,77% dos fogares de Galicia non había persoas menores de 16 anos. En todo caso, no que vai de década este indicador mantense estable, xa que en 2010 situábase no 76,7%.

 

En canto á situación económica, a enquisa do instituto estatístico da Xunta revela que o número de fogares que chegan con algunha dificultade económica a fin de mes baixou 5,2 puntos nun ano, ata situarse no 52,68%. En concreto, a porcentaxe de fogares que chegan a fin de mes con dificultade reduciuse en 3,99 puntos, mentres que os que declaran facelo con moita dificultade tamén baixou en 1,2 puntos. 

 

A enquisa do IGE mostra tamén que a taxa de risco de pobreza ou exclusión social de Galicia mantense estable dende 2011 no entorno do 22,5%. Co último dato (22,55%) Galicia mantense 6 puntos por debaixo de media española (28,6%), segundo a última Enquisa de condicións de vida do Instituto Nacional de Estadística (INE).

 

Respecto aos gastos, o estudo mostra que o 19,7% dos fogares galegos afrontan unha hipoteca da vivenda principal, cun gasto medio de 386 euros ao mes, mentres que o 11,9% dos fogares residen nunha vivenda de aluguer, cun gasto medio mensual de 302 euros.