Volver ao contido

Notas de prensa

O Programa Estatístico 2022 recollerá 154 estatísticas sobre territorio, poboación, sociedade, estrutura produtiva e tecnoloxía

O Programa Estatístico 2022 recollerá 154 estatísticas sobre territorio, poboación, sociedade, estrutura produtiva e tecnoloxía

  • Este é o primeiro programa do novo Plan Galego de Estatística 2022-2026, que consolida e amplía os logros dos anteriores e aposta pola calidade

Santiago de Compostela, 2 de xaneiro de 2022.- O Consello Galego de Estatística aprobou esta semana o Programa Estatístico para o ano 2022 -o primeiro do Plan Galego de Estatística 2022-2026- que recolle 154 estatística sobre territorio, poboación, sociedade, estrutura produtiva e tecnoloxía con resultados que incrementan a oferta informativa proporcionada polo sistema estatístico español e europeo. Ademais, inclúe 49 actuacións para abondar na difusión e análise da información dispoñible sobre Galicia.

Entre as actuacións a desenvolver no Programa Estatístico de 2022 destacan as proxeccións de poboación e a estatística sobre esperanza de vida sen limitacións, a procura de estándares e fontes para abordar o sector aeroespacial de Galicia, ou o marco input-output para describir o proceso produtivo e os fluxos de bens e servizos da economía galega.

Tamén aumentará a oferta territorial, cun estudo sobre a renda dos fogares a nivel municipal e a difusión dos datos de poboación, paro, afiliacións e pensións con detalle por cuadrícula de 1 Km2. Ademais, o IGE seguirá a realizar as grandes enquisas dos programas anteriores como a Enquisa de Poboación Activa ou a Enquisa Estrutural a Fogares, e elaborará indicadores da axenda 2030 para o desenvolvemento sostible.

Plan Galego de Estatística 2022-2026
O novo Plan Galego de Estatística 2022-2026 supón un marco legal que consolidará e ampliará os logros dos anteriores. Ademais, coloca a Galicia entre as comunidades autónomas dotadas dun sistema estatístico acorde cos principios internacionais de boas prácticas.

O plan asume expresamente o código de conduta adoptado polo Comité do Sistema Estatístico Europeo, que contempla os principios de  independencia profesional do persoal estatístico, imparcialidade, obxectividade e transparencia, entre outros. Por tanto, a organización estatística de Galicia queda sometida a estes valores e o Goberno galego comprométese a impulsalos e respectalos.