Volver ao contido

Notas de prensa

O salario medio anual en Galicia foi en 2017 de 18.463 euros, o máis alto de toda a serie histórica, segundo o último estudo do IGE

O salario medio anual en Galicia foi en 2017 de 18.463 euros, o máis alto de toda a serie histórica, segundo o último estudo do IGE

  • O Instituto Galego de Estatística publica hoxe o Estudo sobre Salarios, que cada ano analiza a evolución das retribucións na Comunidade galega
  • O salario medio anual medrou por terceiro ano consecutivo ao acadar un incremento en Galicia do 1,92%, maior que a media española (1,78%)
  • O incremento salarial foi maior nas mulleres que nos homes
  • A retribución dos asalariados por hora efectiva tamén acadou a cifra máis alta desde que hai rexistros, 16,7 euros

Santiago de Compostela, 14 de decembro de 2018.- O salario medio anual en Galicia ascendeu no ano 2017 a 18.463 euros, o que supón a cifra máis alta de toda a serie histórica, segundo revela o último Estudo sobre Salarios que elabora o Instituto Galego de Estatística (IGE) correspondente ao ano pasado.

Este estudo mostra que no ano 2017 consolidouse a tendencia á alza das retribucións que perciben os traballadores galegos. O pasado ano foi o terceiro consecutivo no que se rexistrou un incremento dos salarios, que no caso de Galicia supuxo unha suba do 1,92% no salario medio anual, un crecemento maior que no conxunto de España, onde foi do 1,78%.

Os datos do organismo estatístico mostra que o salario medio anual segue sendo maior entre os homes (20.554 euros) que entre as mulleres (16.123 euros). Non obstante, no último ano o incremento salarial en Galicia foi maior entre as mulleres (+2,49%) que entre os homes (+1,76%), o que significa que en 2017 diminuíu a fenda salarial entre ambos sexos.

O estudo do IGE tamén inclúe datos sobre a remuneración que perciben os asalariados galegos por hora efectiva. Estes datos mostran que a remuneración en 2017 ascendeu a 16,7 euros por hora, o que supón tamén a cifra máis elevada de toda a serie histórica. Ademais, é igualmente o terceiro ano consecutivo no que medra este indicador.

Este estudo tamén mostra as diferencias salariais entre os distintos sectores da economía galega. Así, o salario medio anual varía entre os 33.338 euros do sector de entidades financeiras e aseguradoras e os 9.078 euros do sector ‘Outros servizos persoais e de ocio'.

Estudo exhaustivo
O Estudo sobre salarios é unha actividade estatística incluída nos Programas Estatísticos Anuais da Comunidade Autónoma, cuxo obxectivo é facer un estudo coa información existente sobre os salarios. A dita información está moi dispersa no sistema estatístico, xa que son diferentes as perspectivas desde as que se estudan os salarios e son varios os organismos que realizan estatísticas salariais. O IGE pretende con esta actividade achegar a información sobre os salarios dunha forma estruturada destacando os principais resultados de cada unha das fontes estatísticas.