Volver ao contido

Notas de prensa

Os informes do Consello de Contas ratifican que a Xunta segue facendo unha mellor xestión orzamentaria e financeira

Os informes do Consello de Contas ratifican que a Xunta segue facendo unha mellor xestión orzamentaria e financeira

  • O órgano fiscalizador destaca que Galicia volveu cumprir en 2015 os obxectivos de déficit e débeda, así como as previsións macroeconómicas
  • Contas constata que a Administración galega combinou altos niveis de execución orzamentaria cunha redución do gasto en xuros da débeda
  • Tamén destaca "a diminución significativa" do gasto imputado ao exercicio seguinte, que baixou case un 15% sobre o ano anterior
  • Melloran indicadores coma o aforro bruto ou o saldo primario
  • O informe destaca que o risco vivo nos avais do IGAPE reduciuse tamén un 18,7%
  • O Goberno galego atenderá as recomendacións do Consello de Contas para seguir mellorando a xestión financeira e o control do gasto, como vén facendo dende 2009

 

Santiago de Compostela, 21 de xullo de 2017.- O informe do Consello de Contas sobre a Conta xeral da Comunidade Autónoma do ano 2015 e o resto de informes de fiscalización publicados hoxe mostran que a Xunta de Galicia segue realizando unha xestión financeira e orzamentaria rigorosa, mellorando en eidos como o resultado orzamentario, o aforro bruto, o cumprimento dos obxectivos de estabilidade e as previsións macroeconómicas, a redución do gasto en xuros da débeda e a diminución do risco vivo nos avais do IGAPE.

 

O órgano fiscalizador destaca que en 2015 Galicia cumpriu un ano máis o obxectivo de déficit fixado polo Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF) e pola Lei de Orzamentos, aprobada na Cámara galega. Galicia pechou o exercicio 2015 "cumprindo en consecuencia o obxectivo de déficit previsto", sinala o informe sobre a Conta Xeral, no que se resalta que se cumpriron as previsións macroeconómicas de evolución do PIB e de taxa de paro.

 

En canto á xestión do endebedamento, o Consello de Contas salienta que a Xunta de Galicia cumpriu os límites cuantitativos establecidos polo Parlamento de Galicia na Lei de Orzamentos para 2015, e tamén o obxectivo de débeda autorizado polo Goberno do Estado. Ademais, a Administración galega cumpriu un ano máis o límite de carga financeira que establece a lexislación estatal para as comunidades autónomas, e Contas constata que Galicia se consolida entre as comunidades con menor endebedamento de España.

 

De feito, os informes do organismo fiscalizador resaltan que a Xunta combinou en 2015 a execución no orzamentos de gastos cunha redución significativa dos xuros da débeda, que permitiu un aforro de 56 millóns sobre o ano anterior. En contraste, houbo un aumento do gasto na sanidade e educación, que medraron un 10,4% e un 3,6%, respectivamente.

 

Ademais, os informes de fiscalización ratifican que o gasto de altos cargos e persoal eventual da Xunta tense reducido de xeito notable nos últimos anos. O Goberno galego está a aforrar máis de 6 millóns de euros ao ano porque ten un 45% menos de altos cargos que en 2008 e un 30% menos de persoal eventual, pese a que os informes publicados hoxe xa recollen a ampliación en 2015 do número de consellerías de oito a dez.

 

No informe sobre a Conta Xeral de 2015, o organismo fiscalizador resalta o "esforzo" da Xunta na "diminución significativa" do gasto imputado ao exercicio seguinte, que baixou un 14,7%. Ademais, pon de manifesto a mellora de indicadores coma o aforro bruto, que mide a diferencia entre ingresos e gastos correntes. O aforro bruto volveu en 2015 a taxas positivas e en 2016 mesmo duplicouse, cunha "notable recuperación" ata chegar aos 450 millóns de euros. Tamén mellora o saldo primario, que cuantifica o aforro bruto e os custos financeiros. "Galicia ten unha posición de liquidez a curto prazo", sinala o Consello de Contas.

 

Redúcese o risco vivo nos avais

Entre outros aspectos, no informe sobre a Conta Xeral ponse de manifesto que o risco vivo nos avais do IGAPE rexistrou de novo unha "redución significativa" respecto ao ano anterior. En concreto, o Consello de Contas resalta que o risco vivo a 31 de decembro de 2015 é de 114,9 millóns de euros, o que supón unha baixada do 18,7% sobre o peche de 2014.

 

O organismo fiscalizador tamén resalta que a Administración galega volveu rendir as contas cumprindo o prazo establecido, pese a que dende o ano pasado o prazo de rendición adiantouse ao 30 de setembro, un mes antes que en anos precedentes.

 

Boa situación financeira do sector instrumental

En canto á situación do sector instrumental da Xunta de Galicia, o Consello de Contas resalta "a boa situación financeira" das entidades dependentes da Administración galega. Por exemplo, o remanente e fondo de manobra situouse en 2015 en 478 millóns de euros, fronte aos 413 millóns do exercicio anterior. Ademais, o organismo fiscalizador tamén destaca que o nivel de endebedamento das entidades instrumentais da Xunta "é baixo", e de feito reduciuse un 13% sobre o ano anterior.

 

Recomendacións

Unha vez coñecidos os referidos informes, a Xunta terá en conta as recomendacións do Consello de Contas para mellorar a xestión financeira e o control do gasto público, como vén facendo dende 2009. De feito, nos últimos anos a Xunta xa introduciu cambios atendendo ás recomendacións do organismo fiscalizados.

 

Por exemplo, xa se inclúe nos Orzamentos a práctica totalidade das entidades dependentes no ámbito subxectivo do orzamento, e un apartado específico sobre beneficios fiscais no que se explica con detalle e de forma pormenorizada a súa contía. E por primeira vez, no exercicio 2015 preséntanse modificacións nas previsións iniciais de ingresos.

 

En canto á transparencia, a Administración galega xa está a publicar na páxina web da Consellería de Facenda tanto a Conta Xeral da Comunidade Autónoma coma os informes sobre o grao de  cumprimento do obxectivo de estabilidade orzamentaria, seguindo tamén as recomendacións do organismo fiscalizador.