Volver ao contido

Notas de prensa

Preto de 13.700 persoas admitidas na bolsa de emprego temporal para traballar na Xunta de Galicia

Preto de 13.700 persoas admitidas na bolsa de emprego temporal para traballar na Xunta de Galicia

  • Ábrense por primeira vez listas para cubrir prazas de ordenanza para persoas que acrediten discapacidade intelectual, con 170 inscritos

Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2018.- A bolsa de emprego temporal para traballar na Xunta de Galicia vén de incorporar provisionalmente 13.655 novas persoas admitidas, segundo figura nas listas provisionais para o desempeño transitorio de postos de persoal funcionario e para a contratación temporal de persoal laboral, publicadas hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG).
 
Das case 13.700 solicitudes admitidas, 6.191 correspóndense con listas elaboradas para o nomeamento de funcionarios interinos dos distintos corpos, escalas e especialidades da Comunidade Autónoma de Galicia, e as outras 7.464 con listas abertas para a contratación de persoal laboral temporal en distintas categorías profesionais.

En canto ás listas provisionais destinadas á cobertura temporal de postos de traballo mediante o nomeamento de persoal funcionario interino, o maior número de persoas admitidas (1.919) concentrouse na lista para realizar substitucións no  corpo auxiliar (subgrupo C2). Por outra parte, para a contratación de persoal laboral, as listas con máis solicitudes admitidas foron as de limpador/a (grupo V-011), con 2.009 novos inscritos.

Apertura de novas listas
Este ano, a Dirección Xeral de Función Pública abriu por primeira vez listas para a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia do grupo V, na categoría de ordenanza, para persoas que acrediten discapacidade intelectual con 170 admitidos.

Tamén se abriron outras para cubrir prazas reservadas a persoal funcionario dos corpos facultativos superior e de grao medio de Administración especial na escala de profesores numerarios de institutos politécnicos marítimo-pesqueiros, e na escala de mestres de taller de institutos politécnicos marítimo-pesqueiros respectivamente.

Consultas e reclamacións
A orde na que aparecerán os admitidos provisionais dependerá fundamentalmente do esforzo realizado e da experiencia, é dicir que se situarán nos primeiros postos de contratación aqueles que obtiveran maiores puntuacións en oposicións convocadas pola Xunta e demostren maior experiencia profesional adquirida por contratos anteriores.

As listaxes provisionais poderán consultarse no portal web corporativo da Xunta, http://funcionpublica.xunta.gal, no apartado de listas de contratación, así como no servizo de atención e información á cidadanía a través do teléfono 012, no servizo de información dos edificios administrativos e nas oficinas comarcais da Xunta de Galicia. O prazo para presentar reclamacións comeza mañá, xoves.