Volver ao contido

Notas de prensa

« Atrás

Preto de 350 persoas participarán nas oposicións a 4 prazas de enxeñeiros industriais e 7 de enxeñeiros técnicos industriais

Preto de 350 persoas participarán nas oposicións a 4 prazas de enxeñeiros industriais e 7 de enxeñeiros técnicos industriais

  • O DOG publica hoxe as resolucións nas que se aproban e se fan públicas as listas definitivas de aspirantes admitidos e excluídos

 

Santiago, 27 de xaneiro de 2017.- Un total de 349 persoas participarán nas oposicións para incorporar á Xunta de Galicia catro enxeñeiros industriais e sete enxeñeiros técnicos industriais, segundo as listas de admitidos e excluídos en ambos procesos selectivos publicadas hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG).

 

O DOG recolle as dúas resolucións da Dirección Xeral da Función Pública polas que se aproban e se fan públicas as listas definitivas de admitidos e excluídos para o ingreso no corpo facultativo superior subgrupo A1, escala de enxeñeiros, especialidade de enxeñaría industrial; e no corpo facultativo de grao medio subgrupo A2, escala de enxeñeiros técnicos, especialidade de enxeñaría técnica industrial.   

 

As convocatorias dos dous procesos selectivos publicáronse no DOG os días 3 e 4 de maio de 2016. Para a escala de enxeñeiros -especialidade de enxeñaría industrial- convocáronse catro prazas, con 91 persoas admitidas e 17 excluídas. As outras sete prazas correspóndenlle á escala de enxeñeiros técnicos, especialidade de enxeñaría técnica industrial, onde se admitiron 258 participantes e foron excluídos 7.

 

A relación de persoas admitidas en ambos procesos pódense consultar no portal web funcionpublica.xunta.gal, mentres que as relacións de persoas excluídas, con indicación da causa de exclusión, pódense consultar no DOG de hoxe e no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal.

 

Oferta de 3.000 prazas en 2017

Neste 2017, a Xunta de Galicia prevé ofertar no entorno de 3.000 prazas de emprego estable para reforzar servizos públicos como a sanidade, a educación e os servizos sociais. A Administración galega ten incrementado o número de prazas de emprego público nos últimos anos, e de feito a oferta de emprego público no 2015 ascendeu a 1.163 prazas, e no 2016 duplicouse ata chegar a 2.644 prazas, a máis elevada dende 2009.