Volver ao contido

Notas de prensa

Preto de 950 persoas participarán en cinco oposicións para cubrir 31 prazas nas escalas de enxeñeiros, enxeñeiros técnicos e subinspección urbanística

Preto de 950 persoas participarán en cinco oposicións para cubrir 31 prazas nas escalas de enxeñeiros, enxeñeiros técnicos e subinspección urbanística

  • Estes procesos selectivos permitirán cubrir postos de persoal de alta cualificación
  • Reforzarán eidos relacionados coas obras públicas ou o control do urbanismo e o solo
  • O DOG publicou esta semana as resolucións nas que se aproban e se fan públicas as listas definitivas de aspirantes admitidos e excluídos nestes procesos

Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2018.- Un total de 943 persoas participarán en cinco oposicións para cubrir 31 prazas de persoal de alta cualificación en escalas de enxeñeiros, enxeñeiros técnicos e subinspección urbanística, segundo as listas de admitidos e excluídos publicadas esta semana no Diario Oficial de Galicia (DOG).

O DOG recolle as cinco resolucións da Dirección Xeral da Función Pública polas que se aproban e se fan públicas as listas definitivas de admitidos e excluídos para o ingreso no subgrupo A1, escala de enxeñeiros, nas especialidades de enxeñería agronómica e de enxeñería de camiños, canais e portos. En canto ao subgrupo A2, publícanse as da escala de enxeñeiros/as técnicos/as, nas especialidades de enxeñería técnica agrícola e de enxeñería técnica de obras públicas; e á escala de subinspección urbanística.

As convocatorias destes procesos selectivos publicáronse no DOG do sete de marzo de 2018. Na escala de enxeñeiros -especialidade de enxeñaría agronómica- convocáronse seis prazas, con 143 persoas admitidas e 2 excluídas e para a especialidade de enxeñería de camiños, canais e portos hai nove prazas con 204 aspirantes admitidos e seis excluídos.

Por outra banda, para a escala de enxeñeiros técnicos na especialidade de enxeñería técnica agrícola convocáronse oito prazas con 354 admitidos e cinco excluídos; na especialidade de enxeñería técnica de obras públicas convocáronse cinco prazas con 126 persoas admitidas e sete excluídas; e finalmente na escala de subinspección urbanística convocáronse tres prazas con 116 aspirantes admitidos e dous excluídos.

Estas oposicións permitirán reforzar eidos relacionados coas obras públicas ou o control do urbanismo e o solo. Entre as súas funcións destacan a  inspección e vixilancia das edificacións, do uso do solo ou das infraccións urbanísticas; a análise e elaboración de proxectos técnicos, a emisión de informes ou a dirección de obras.

A relación de persoas admitidas destes procesos pódense consultar no portal web funcionpublica.xunta.gal, mentres que as relacións de persoas excluídas, con indicación da causa de exclusión, pódense consultar no DOG e no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal.