Volver ao contido

Notas de prensa

« Atrás

Standard&Poor´s avala a xestión financeira e orzamentaria da Xunta e mantén en BBB+ o rating de Galicia

Standard&Poor´s avala a xestión financeira e orzamentaria da Xunta e mantén en BBB+ o rating de Galicia

  • S&P subliña que a Comunidade está nunha posición máis favorable que o resto de CCAA e que podería equilibrar o seu orzamento no 2019
  • A axencia sostén que o nivel de crédito de Galicia é superior pero lembra que non pode ter un rating mellor que o de España

 

Santiago de Compostela, 11 de novembro de 2017.- A axencia de cualificación Standard&Poor´s (S&P) avala a xestión financeira e orzamentaria que vén realizando a Xunta e mantén en BBB+ con perspectiva positiva o rating de Galicia, segundo o último informe desta axencia publicado esta pasada noite.

 

Standard&Poor´s confirma así a cualificación crediticia da Comunidade baseada na xestión financeira e presupostaria prudente debido ao claro compromiso co camiño da consolidación orzamentaria; na recuperación económica; e no acceso ao financiamento en condicións favorables. Ademais, tamén destaca –entre outras consideracións– a activa xestión do endebedamento de Galicia, o seu perfil de vencementos da débeda, as operacións de refinanciamento e a ampliación das súas liñas de crédito, e a súa capacidade para xestionar a súa posición de liquidez.

 

A axencia precisa que a Comunidade galega debería ter unha cualificación superior, algo que non é posible porque Standard&Poor´s non permite que unha comunidade de réxime común -excluídas as de réxime foral- teña un rating superior ao do Estado soberano.

 

Segundo S&P, Galicia está nunha posición máis favorable en comparación coa maioría das comunidades españolas e estima que podería equilibrar o seu orzamento no 2019, o que ratifica as previsións do Goberno galego sobre o proceso de consolidación fiscal.

 

Comunidade solvente

Standard&Poor´s valora positivamente o feito de que Galicia non tivese que recorrer ao Fondo de Liquidez Autonómica posto en marcha polo Goberno central entre os anos 2012 e 2014 e que se adherise ao Fondo de Facilidade Financeira, habilitado só para as CCAA cumpridoras.

 

Grazas á política levada a cabo pola Xunta dende 2009, Galicia é hoxe unha comunidade solvente, que garante os servizos públicos e mantén o seu endebedamento moi por debaixo da media, ao tempo que continúa a ser unha autonomía fiable para os mercados, pois está a financiarse sen dificultades.