Volver ao contido

Notas de prensa

Xunta e Fegamp asinan o convenio para que os concellos reciban asesoramento sobre as súas competencias en relación á actualización catastral das construcións rurais

Xunta e Fegamp asinan o convenio para que os concellos reciban asesoramento sobre as súas competencias en relación á actualización catastral das construcións rurais

  • O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, subscribiu hoxe o convenio co presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias, Alfredo García
  • A Administración do Estado está a realizar esta actualización ao abeiro do procedemento de regularización do Catastro
  • A normativa estatal establece que as construcións rústicas vencelladas a explotacións agrarias, gandeiras ou forestais deixan de ter valor catastral cero
  • Con este asesoramento, os concellos terán máis información para exercer as súas competencias tributarias
  • A Xunta tamén informará aos concellos sobre o propio procedemento de regularización catastral, que incorpora ao Catastro os bens inmobles con construción e as alteracións das súas características
  • O obxectivo da Xunta é que os veciños poidan valorar e comprender este procedemento e, no seu caso, efectuar as alegacións que precisen

Santiago, 23 de maio de 2016.- O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, e o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), Alfredo García, subscribiron hoxe un convenio de colaboración que permitirá aos concellos recibir asesoramento da Xunta sobre as súas competencias en relación aos cambios de valoración catastral que está a realizar o Ministerio de Hacienda nas construcións rurais, ao abeiro do procedemento de regularización catastral.

Este cambio afecta ás construcións vencelladas a explotacións agrarias, gandeiras ou forestais que tiñan valor catastral cero, e que agora pasan a ter un valor catastral que obriga aos seus propietarios a abonar o Imposto de Bens Inmobles (IBI). É por iso que Facenda –a través da Axencia Tributaria de Galicia (ATRIGA)- prestará asesoramento en materia tributaria aos concellos que voluntariamente o soliciten.

En concreto, a Xunta dotará aos concellos de máis información sobre as competencias normativas que poden utilizar neste eido, toda vez que os concellos teñen a competencia sobre o IBI. Os municipios afectados son aqueles cuxos relatorios de valores sexan anteriores ao 1 de xaneiro de 2006.

O asesoramento desenvolverase no relativo ao exercicio polos concellos das competencias que legalmente teñen recoñecidas no imposto sobre bens inmobles e os seus efectos, así como na análise do cumprimento das regras fiscais e que fai referencia á lei orgánica de estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira, e demais normativa de aplicación.

Ademais, a Xunta colaborará cos concellos para axudar e informar á cidadanía galega sobre o proceso de regularización catastral que está a efectuar a Administración do Estado, co obxectivo de que os contribuíntes poidan valorar e comprender este procedemento e efectuar no seu caso as alegacións correspondentes.

A Administración do Estado está a realizar un procedemento de regularización para incorporar ao Catastro os bens inmobles rústicos e urbanos con construción, e tamén as alteracións das súas características. Este procedemento ten un marcado carácter técnico que aconsella a prestación deste asesoramento.

É por isto que o obxectivo da Xunta é que os veciños poidan valorar e comprender este procedemento de regularización, e no seu caso efectuar as alegacións que precisen. Para iso, a ATRIGA prestará asesoramento en materia tributaria aos concellos, e comprométese tamén a comprobar o mantemento da estabilidade orzamentaria e da sustentabilidade financeira dos concellos.

Ata finais de 2017
Os concellos que se adhiran a este convenio prestarán aos seus veciños a axuda e información precisa, por ser as administracións máis próximas ao cidadán. Isto  servirá para que os veciños teñan un mellor entendemento da finalidade, a tramitación e as repercusións do procedemento de regularización catastral que se fai no seu concello.

No marco deste convenio a Axencia Tributaria de Galicia contratará ata cinco funcionarios, en función do número de concellos que se adhiran ao convenio. Este acordo de colaboración terá vixencia ata o 31 de decembro de 2017, aínda que poderá ser prorrogado se chegada esa data non rematou o proceso de regularización catastral.

A Xunta impulsa o convenio pese a que carece de competencias neste eido, posto que o Catastro Inmobiliario é competencia exclusiva da Administración do Estado, e as corporacións locais teñen recoñecidas as competencias no Imposto sobre Bens Inmobles.