Volver ao contido

Notas de prensa

Xunta e organizacións sindicais selan un acordo para a actualización e recoñecemento laboral dos legoeiros, con novas funcións de vixilancia e control da explotación e conservación das estradas galegas

Xunta e organizacións sindicais selan un acordo para a actualización e recoñecemento laboral dos legoeiros, con novas funcións de vixilancia e control da explotación e conservación das estradas galegas

  • A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, e o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, asinaron hoxe cos representantes de CCOO, UXT, CIG e CSIF un pacto sobre este persoal, no que se recoñece o seu importante papel na conservación de estradas
  • Os conselleiros destacan que as novas funcións deste persoal permitirán incrementar os medios destinados ao reforzo da seguridade viaria nas estradas autonómicas
  • Sinalan que o acordo asinado hoxe tamén recolle unha nova denominación para estes profesionais, que pasarán a ser recoñecidos como "Axentes de Estradas"
  • Explican que o convenio deberá ser ratificado polo Consello Galego de Relacións Laborais e entrará en vigor unha vez se publique no Diario Oficial de Galicia

Santiago de Compostela, 11 de xuño de 2018.-  A Xunta e as organizacións sindicais veñen de selar hoxe un acordo para a actuación e recoñecemento laboral dos legoeiros, con novas funcións de vixilancia e control da explotación e conservación das estradas galegas. A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, e o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, asinaron hoxe cos representantes das organizacións sindicais CCOO, UXT, CIG e CSIF un pacto sobre este persoal laboral da Axencia Galega de Infraestruturas, no que se recoñece o importante papel dos legoeiros na conservación de estradas de Galicia.

Os conselleiros subliñaron que con este acordo se está a contribuír, ademais, á modernización e racionalización da propia Administración autonómica, a refundir categorías que actualmente teñen funcións similares, actualizando as funcións destes traballadores autonómicos e adaptando a prestación dos servizos aos tempos e ás novas necesidades que require a xestión e explotación das estradas.

Lembraron a forte tradición histórica na Administración deste persoal, que viña desempeñando labores de control, conservación e explotación de estradas, ocupacións que na actualidade se veñen facendo, principalmente, a través dos contratos de conservación ordinaria.

Salientaron que con este acordo, froito do diálogo e entendemento entre sindicatos e Xunta, estes profesionais poden ser aproveitados noutras tarefas igual de importantes e por iso, reorientando e actualizando o indispensable traballo dos legoeiros cara uns labores non só centrados en traballos manuais de limpeza, roza, mantemento, reparacións, senón tamén na vixilancia e control da explotación e conservación das estradas.

Os representantes do Goberno galego destacaron que estas novas funcións dos legoeiros permitirán, ademais, incrementar os medios destinados a un labor que implica o reforzo da seguridade viaria nas estradas autonómicas, un asunto absolutamente prioritario para a Xunta.

Informaron que desta filosofía compartida entre Administración e sindicatos xorde este acordo que se asinou hoxe e que tamén recolle unha nova denominación para estes profesionais, que pasarán a ser recoñecidos como "Axentes de Estradas".

Deste xeito, o acordo establece, ademais, un itinerario para desenvolver a carreira profesional dos legoeiros de cara a unha categoría superior, o cal beneficia tamén á Administración ao permitir unha maior especialización na vixilancia de estradas.

Avanzaron que se ofertarán 57 prazas de Técnico/a práctico en control e vixilancia de obras, explotación e conservación de estradas, entre os anos 2018 e 2019, aos legoeiros que sexan persoal laboral fixo da Xunta de Galicia.

Sinalaron que, unha vez asinado, este acordo deberá ser ratificado polo Consello Galego de Relacións Laborais e entrará en vigor cando se publique no Diario Oficial de Galicia.

Os conselleiros destacaron que con esta alianza entre Xunta e sindicatos acádase o triplo obxectivo, de racionalizar e modernizar a Administración pública, reforzar as tarefas de vixilancia das estradas autonómicas para a mellora da seguridade viaria de todos os usuarios e, atender unha vella demanda do corpo de legoeiros, incorporándoos aos labores de vixilancia e control da explotación e conservación das estradas e mellorando as súas condicións laborais.

Concluíron afirmando que este acordo amosa a aposta e o compromiso da Xunta cos dereitos dos traballadores, que se viu reflectida no acordo laboral de referencia estatal acadado cos sindicatos no marco da 1ª fase do Plan de Transporte Público de Galicia, o pasado verán.