Volver ao contido

Notas de prensa

Xunta e sindicatos chegan a un acordo para mellorar as condicións laborais dos axentes medioambientais e forestais

Xunta e sindicatos chegan a un acordo para mellorar as condicións laborais dos axentes medioambientais e forestais

  • Os conselleiros de Medio Ambiente, de Facenda e de Medio Rural asinaron hoxe o documento no que se recollen os compromisos acadados no marco das negociacións mantidas cos traballadores este verán

Santiago de Compostela, 11 de outubro de 2018-. A Xunta de Galicia e os sindicatos UGT, CCOO e CIG veñen de acadar un acordo para a mellora das condicións laborais do colectivo de axentes medioambientais e forestais, o que redundará tamén de forma positiva no desempeño das súas funcións. O documento foi asinado esta mañá polos representantes sindicais e os conselleiros de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, de Facenda, Valeriano Martínez, e do Medio Rural, José González, os tres departamentos que participaron na mesa de negociación aberta cos traballadores este verán.

O acordo supón unha mellora notable das actuais condicións laborais e retributivas dun colectivo sometido a condicións de traballo especiais polas propias características e natureza do servizo. Deste xeito, os máis de 500 axentes integrados nas consellerías de Medio Ambiente (161) e do Medio Rural (388) experimentarán un avance substancial desde o punto de vista da conciliación da súa vida laboral e persoal.

Entre os cambios acordados figura establecer melloras salariais que veñen a homoxeneizar as condicións retributivas destes profesionais, e cun aumento daquelas retribucións dirixidas a manter a continuidade do servizo a través de gardas e da prestación de traballo en domingo e festivos, especialmente en épocas de maior actividade estacional ou de incendios.

Así mesmo, tamén se asume o compromiso de negociar os principios do pase voluntario á segunda actividade para o persoal que teña cumpridos os 60 anos e cun período mínimo de servizo, e se introducen unha serie de melloras relativas ás condicións de traballo, particularmente con relación á redución das quendas nocturnas ou á xornada máxima anual, que queda fixada en 1.665 horas.

A sinatura deste acordo é froito de meses de reunións e contactos internos durante os cales o Goberno galego mantivo sempre unha actitude dialogante e aberta a negociar as demandas laborais do colectivo. De feito, cómpre lembrar que xa nos últimos anos as condicións de traballo dos axentes medioambientais e forestais foron obxecto dunha mellora progresiva en aspectos como a formación, os salarios ou a dotación de material para o desempeño das súas funcións.

Unha comisión de seguimento con presencia paritaria da administración e dos sindicatos será a encargada de velar polo cumprimento do acordo, así como das posibles interpretacións que haxa que facer do mesmo. Os cambios acordados traduciranse nunha mellora das actuais condicións de traballo dos axentes, o que redundará tamén nunha maior eficacia no desenvolvemento das súas funcións.