Volver ao contido

Notas de prensa

781 empregados públicos participaron hoxe nas probas de funcionarización convocadas pola Xunta

781 empregados públicos participaron hoxe nas probas de funcionarización convocadas pola Xunta

  • A porcentaxe de participación foi do 94,4%
  • Esta mañá tivo lugar o exercicio para funcionarizar ao persoal laboral fixo do grupo V na agrupación profesional de persoal funcionario
  • As probas realizáronse simultaneamente en Santiago nas facultades de Dereito, Ciencias Políticas e Sociais, e na EGAP
  • A funcionarización é un proceso de carácter voluntario recollido no Acordo de Concertación Social asinado entre a Xunta e os sindicatos CC.OO. e UXT

Santiago de Compostela, 26 de setembro de 2021.- Un total de 781 empregados públicos da Xunta de Galicia participaron hoxe nas probas da segunda fase do proceso de funcionarización voluntaria convocadas pola Administración Autonómica. A estes exames estaban convocados un total de 827 profesionais, co que a participación ascendeu ao 94,4%.

Esta mañá tivo lugar o exercicio para funcionarizar ao persoal laboral fixo do grupo V na agrupación profesional de persoal funcionario (AP). En concreto, os empregados públicos que participan nestas probas de funcionarización voluntaria son os que desempeñan categorías profesionais de limpeza e cociña, recursos naturais e ordenanzas.

As probas realizáronse simultaneamente en Santiago na Facultade de Dereito, na Facultade de Ciencias Políticas e Sociais e na Escola Galega de Administración Pública (EGAP). A xornada transcorreu con normalidade e sen incidencias.

Proceso de funcionarización
A funcionarización é un proceso de carácter voluntario que habilita ao persoal laboral fixo incluído no ámbito de aplicación do Convenio Colectivo Único do persoal laboral da Xunta que superou un proceso para ter esa condición de persoal laboral fixo, para adquirir a condición de persoal funcionario de carreira a través dun procedemento específico. Este proceso está previsto no Acordo de Concertación Social do Emprego Público de Galicia asinado entre a Xunta e os sindicatos CC.OO. e UXT no ano 2019.
 
Este procedemento non ten por obxecto o acceso á Administración nin o ascenso de escala ou categoría, senón a transformación voluntaria en funcionarios dos traballadores que xa teñen unha praza fixa na Administración como persoal laboral fixo. 

A finalidade deste procedemento é unificar o réxime xurídico aplicable ao persoal que presta servizos na Xunta e cumprir o principio xeral de que os postos de traballo nas administracións públicas deben ser desempeñados por persoal funcionario.