Volver ao contido

Notas de prensa

A antiga sede da Xunta en Pontevedra será un espazo cómodo, versátil, accesible e cun 70% menos de custo de mantemento

A antiga sede da Xunta en Pontevedra será un espazo cómodo, versátil, accesible e cun 70% menos de custo de mantemento

  • A remodelación do inmoble de Benito Corbal inclúe a substitución da fachada por un revestimento de aluminio que acabará cos graves problemas de humidade
  • Manteranse as tres entradas ao edificio, que pasarán a ser totalmente accesibles
  • Os catro ascensores de catro prazas converteranse en dous de oito prazas, polo que se gaña espazo e se facilita o seu uso ás persoas con mobilidade reducida
  • Nas tres primeiras plantas do edificio concentraranse os servizos públicos de emprego, que agora se prestan en locais alugados
  • Entidades e asociacións de interese social e sanitario poderán utilizar as plantas cuarta e quinta, para ubicar as súas oficinas e locais
  • As catro plantas máis elevadas estarán a disposición da Universidade de Vigo para que instale alí os servizos e proxectos que decida a institución académica
  • A Xunta investirá 3,7 millóns de euros na reforma, que afectará a unha superficie duns 5.800 metros cadrados e terá un prazo de execución de 14 meses

     

    Pontevedra, 4 de abril de 2016.- A antiga sede da Xunta en Pontevedra, na rúa Benito Corbal, converterase nun espazo moderno, cómodo, accesible e versátil para todos os usuarios. Ademais, será un inmoble máis eficiente, xa que o custo de mantemento reducirase nun 70% polas medidas de aforro enerxético que se van implantar.

     

    O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, participaron hoxe en Pontevedra na presentación do anteproxecto de remodelación do inmoble de Benito Corbal. No acto estiveron acompañados polo alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores; o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato; e o delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís.

     

    Entre as principais novidades, a remodelación integral do inmoble incluirá a substitución da fachada por un revestimento de aluminio. Isto servirá para rematar cos problemas de humidade que afectan ás paredes, fiestras e cuberta do edificio, cuxa última remodelación foi en 1982. Tamén se cambia a carpintería metálica por outra con dobre acristalamento.

     

    Outra das grandes novidades da reforma ten que ver coa accesibilidade. O inmoble manterá os tres accesos dende a rúa, que agora pasarán a ser totalmente accesibles. Ademais, cambiaranse os catro ascensores de catro prazas –ningún deles accesible- por dous ascensores de oito prazas, facilitando o seu uso a persoas con mobilidade reducida. unha vantaxe máis deste cambio é que se gañará espazo útil.

     

    O edificio contará cun núcleo central de comunicacións, o que permitirá utilizar o inmoble a calquera hora, incluso nas plantas altas do edificio. Con esta distribución bastará con pechar as portas necesarias para facilitar o acceso exclusivamente a aquelas zonas que, por exemplo, funcionen en horario de tarde ou na fin de semana.

     

    Distintos usos

    Nas tres primeiras plantas –o semisoto e o primeiro e segundo andar- ubicaranse as oficinas de emprego da Xunta, que na actualidade están en dous locais alugados na cidade. Estes servizos vanse concentrar nun único espazo, o que facilitará a prestación do servizo ao cidadán. En total, a superficie para este fin será de 1.544 metros cadrados.

     

    Nas plantas terceira e cuarta, a Xunta poñerá a disposición de entidades e asociacións de interese social e sanitario un espazo para ubicar as súas oficinas e locais. Estas plantas terán acceso independente dende a rúa e a súa superficie total será de 1.156 metros cadrados. Finalmente, as catro plantas restantes –da quinta á oitava- estarán a disposición da Universidade de Vigo para que instale alí os servizos e proxectos que decida a institución académica. A superficie para estes usos será de 1.740 metros cadrados.

     

    Eficiencia enerxética

    A remodelación tamén incluirá distintas actuacións no eido da eficiencia enerxética, co obxectivo de reducir nun 70% o custo de mantemento en calefacción e iluminación do inmoble. Así, o edificio reducirá á décima parte as emisións de dióxido de carbono.

     

    Entre estas actuacións figuran a instalación de illamentos na cuberta e na fachada e a posta en marcha dun sistema de ventilación natural e forzado, que consegue mellorar a calidade do aire interior cun baixo custo ao recuperar a calor ou disipala, en función da estación do ano. Tamén se vai instalar un sistema na cuberta para reutilizar nas cisternas do WC a auga da chuvia, así como placas solares térmicas para crear auga quente sanitaria e seis caldeiras de biomasa para a calefacción interior.

     

    Investimento de 3,7 millóns

    O investimento previsto na obra de remodelación do inmoble é de 3,7 millóns de euros, que se amortizarán cos aforros dos locais alugados nos que están instaladas as oficinas de emprego -150.000 euros ao ano- ademais doutros aforros en materia enerxética. O prazo de execución é duns 14 meses, e o edificio poderá albergar a unhas 300 persoas.

     

    A actuación prevista no inmoble de Benito Corbal afectará a unha superficie de 5.800 metros cadrados e enmárcase no Plan Patrimonial da Xunta de Galicia, que ten como obxectivo poñer en valor e optimizar todos os inmobles da Administración autonómica, incluídos aqueles que quedan en desuso. Este plan permitirá acadar un aforro anual de 5,7 millóns de euros, que se utilizarán na mellora dos espazos xa existentes.

     

    De feito, a Xunta de Galicia xa anunciou nas últimas semanas dúas actuacións enmarcadas neste plan: a reforma do edificio do antigo Hospital Xeral de Vigo para a instalación da Cidade da Xustiza, e a transformación da actual Estación de Autobuses de Santiago de Compostela na nova Cidade de San Caetano.