Volver ao contido

Notas de prensa

A Atriga pon en marcha nas súas delegacións o pago do Imposto de Sucesións e Doazóns e do ITP-AXD a través dun TPV físico

A Atriga pon en marcha nas súas delegacións o pago do Imposto de Sucesións e Doazóns e do ITP-AXD a través dun TPV físico

  • A directora da Axencia Tributaria de Galicia, María Victoria González, explicou que o obxectivo desta actuación é facilitar aos contribuíntes o cumprimento das súas obrigas tributarias
  • No 2021, a Atriga continuou avanzando para contribuír a garantir a prestación dos servizos públicos e a asistencia aos cidadáns

Santiago de Compostela, 21 de xaneiro de 2022.- A directora da Axencia Tributaria de Galicia (Atriga), María Victoria González, anunciou hoxe que no mes de febreiro a Atriga porá en marcha nas súas delegacións o pago do Imposto de Sucesións e Doazóns e do Imposto de Transmisións Patrimoniais e Actos Xurídicos Documentados (ITP-AXD) por importe de ata os 3.000 euros a través dun TPV físico.

Así o sinalou esta mañá na Comisión 3ª, de Economía, Facenda e Orzamentos onde explicou que esta actuación ten o obxectivo de continuar incrementando os medios de pago ao alcance dos cidadáns e facilitar aos contribuíntes o cumprimento das súas obrigas tributarias.

Reforzo da asistencia á cidadanía
Durante a súa intervención, a directora da Axencia Tributaria de Galicia explicou que o seu organismo redobrou os seus esforzos para reforzar e avanzar na información e asistencia á cidadanía.

No ano 2020 coa declaración do estado de alarma e o peche das oficinas, a Atriga aumentou os números de información telefónica ao contribuínte, que pasaron de 15 a 61. Neste marco, subliñou que ata o peche das oficinas por mor do confinamento, o número de contribuíntes atendidos foi de 46.501 aos que hai que sumar os 54.008 persoas atendidas a partir da reapertura das oficinas, en total 100.509 contribuíntes.

En canto ao 2021, Victoria González explicou que a Axencia Tributaria de Galicia continúa avanzando coa finalidade de contribuír a garantir a prestación dos servizos públicos aos cidadáns e destacou algunhas das actuacións postas en marcha.
Así, sinalou que desde o mes de maio do ano pasado, os servizos que se prestaban mediante o sistema de cita previa completáronse coa posibilidade de poder solicitar unha cita para obter de maneira telefónica información tributaria xeral ou para a asistencia na confección on line dos modelos. Entre maio e decembro, a Atriga atendeu preto de 5.000 citas.
Tamén a partir dese mesmo mes, unificouse a atención telefónica nun número único de Información ao contribuínte co fin de mellorar e facilitar o acceso dos cidadáns á información tributaria ao través do que se atenderon case 70.700 chamadas entre os meses de maio e decembro de 2021.
Ademais, a Atriga tamén universalizou a posibilidade de que calquera cidadán puidese aboar on line, -a través da Oficina Virtual Tributaria e cunha tarxeta de crédito ou débito- todos os ingresos xestionados por este organismo, para evitar os desprazamentos ás oficinas bancarias. Desde a súa implantación efectuáronse máis de 77.600 operacións.