Volver ao contido

Notas de prensa

A Axencia Tributaria de Galicia actualiza o valor dos inmobles urbanos, que quedarán un 46% por debaixo dos de 2012

A Axencia Tributaria de Galicia actualiza o valor dos inmobles urbanos, que quedarán un 46% por debaixo dos de 2012

  • A modificación é consecuencia da reactivación de prezos no sector inmobiliario
     
  • A actualización media é do 2,9%, fronte á baixada acumulada do 49% dende o ano 2012 ata agora
     
  • Estes valores utilízanse na tributación de impostos autonómicos, aínda que despois o contribuínte poida quedar exento do pago do mesmo
     

Santiago, 28 de abril de 2017.- O valor dos inmobles urbanos que se utiliza para a tributación dos impostos autonómicos manterase un 46% por debaixo dos valores de 2012, segundo recolle a resolución publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia pola Axencia Tributaria de Galicia (ATRIGA), que procede a actualizar estes valores para recoller a evolución á alza dos prezos no sector inmobiliario nos últimos meses.


En concreto, a ATRIGA procede a actualizar dende o 1 de maio de 2017 os coeficientes sobre os valores catastrais, cun incremento medio do 2,9% respecto dos valores vixentes, que se modificaran por última vez en 2015. Esta modificación baseáse en informes técnicos e na información de sociedades de taxación, e vai na liña do que teñen mostrado organismos estatísticos coma o INE, cuxo Índice de Prezos da Vivenda indica que o prezo da vivenda medrou un 3,3% entre os anos 2015 e 2016.

 

Os coeficientes sobre valores catastrais utilízanse na valoración de inmobles urbanos para liquidar principalmente dous impostos autonómicos: o imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, e o imposto sobre sucesións e doazóns.

 

En todo caso, estes coeficientes utilízanse igual aínda que despois o contribuínte quede exento de pagar o imposto, como sucede dende o 1 de xaneiro de 2016 co 99% dos contribuíntes galegos cando reciben unha herdanza por vía directa. Coa reforma aprobada pola Xunta, os contribuíntes galegos xa non teñen que pagar impostos cando reciben unha herdanza inferior a 400.000 euros por herdeiro, sen contar ademais a vivenda habitual.

 

Ademais, neste 2017 xa está en vigor tamén a ampliación do programa de impostos cero no rural, que fai que os mozos, as familias numerosas e as persoas con discapacidade non paguen impostos cando adquiren no medio rural unha vivenda para uso habitual. Este programa empezou en 2016 coa supresión de impostos pola adquisición ou agrupación de bens rústicos, e ampliouse en 2017 para favorecer a fixación de poboación no rural.  

 

De feito, no ano 2016 máis de 62.000 contribuíntes galegos recibiron unha herdanza e non pagaron imposto sobre sucesións, mentres que outros 8.000 beneficiáronse do programa de impostos cero no rural e tamén quedaron exentos de pagar impostos á Xunta.