Volver ao contido

Notas de prensa

A Axencia Tributaria de Galicia e o Parlamento intercambiarán datos para simplificar os trámites de empresas, entidades e particulares

A Axencia Tributaria de Galicia e o Parlamento intercambiarán datos para simplificar os trámites de empresas, entidades e particulares

  • O conselleiro de Facenda e o presidente do Parlamento de Galicia asinaron un convenio de colaboración para seguir desenvolvendo a administración electrónica e avanzar en eficiencia e eficacia na prestación dos servizos públicos

Santiago de Compostela, 13 de xuño de 2018.- A Axencia Tributaria de Galicia facilitará á Cámara galega datos de carácter tributario que poidan resultar necesarios para a tramitación de determinados procedementos por parte da Administración do Parlamento de Galicia, segundo se establece nun convenio de colaboración asinado este mediodía polo conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, e o presidente da Cámara, Miguel Ángel Santalices. Esta cesión de datos realizarase sempre previa autorización do contribuínte.

As medidas contempladas no convenio beneficiarán especialmente ás empresas que resulten adxudicatarias de contratacións administrativas e demais entidades ou persoas que establezan vínculos de carácter económico co Parlamento de Galicia, xa que a partir de agora non terán que facilitar determinada documentación, como son os certificados de non ter débedas pendentes coa Facenda autonómica.

O Parlamento de Galicia ten adoptado acordos similares no ámbito da simplificación e axilización de procedementos coa Axencia Estatal de Administración Tributaria e coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

A adopción deste tipo de medidas permite ao Parlamento de Galicia avanzar no desenvolvemento da Administración electrónica baixo os principios de eficiencia e eficacia na xestión dos recursos públicos, e tamén na procura de simplificar os trámites esixidos a empresas, entidades e particulares.