Volver ao contido

Notas de prensa

A Consellería de Facenda completa o traslado de poderes á nova xunta directiva da mutua Unión de Artesanos

A Consellería de Facenda completa o traslado de poderes á nova xunta directiva da mutua Unión de Artesanos

  • O conselleiro de Facenda trasladoulle esta semana o seu apoio ao equipo reitor entrante, que encabeza Joaquín Quiñoy
  • A Xunta de Galicia deixa de exercer a administración provisional desta entidade
  • A viabilidade da Unión de Artesanos está garantida e continúa prestando os seus servizos con total normalidade a un colectivo dunhas 6.000 persoas
  • Coa nova directiva nomeada e en marcha, a mutua está xa legalmente constituída e preparada para esta nova etapa

 

Santiago, 6 de maio de 2016.- A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Facenda, vén de completar o  traspaso de poderes á nova xunta directiva da mutua Unión de Artesanos, que resultou elixida o pasado mes de abril nunha asemblea convocada para nomear novo equipo reitor e poder consolidar deste xeito a súa viabilidade.

De feito, o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, trasladoulle esta semana o seu apoio nesta nova etapa á xunta directiva entrante, que preside Joaquín Quiñoy Taboada. Nesta primeira toma de contacto, animou aos novos reitores da entidade a manter a liña de traballo dos últimos meses, que serviu para garantir a viabilidade e a solvencia desta mutua.

A nova xunta directiva está composta por Mariana Camba Mariño –vicepresidenta- e Juan Roberto Barcia Casanova, que actuará como secretario. Completan o equipo Jorge Fernández Ducros, como tesoureiro; Manuel Martínez Giménez, como contador; Fernando Vicente Mosteiro, como vicesecretario; e Guillermo Santiago Castiñeiras Eiras, como vogal.

O pasado ano, a Consellería de Facenda decidiu substituír de xeito provisional a xunta directiva da ‘Unión de Artesanos, Mutualidade de Previsión Social a prima fixa', logo de detectar irregularidades na xestión desta entidade por parte dos anteriores reitores. Por entón, a Xunta optou por nomear a tres administradores provisionais, garantindo a viabilidade económica e a solvencia da entidade, que opera na área de Santiago de Compostela e que proporciona boa parte da asistencia sanitaria de 6.000 persoas.

 

Garantir a viabilidade

A Consellería de Facenda ten asumidas as competencias de supervisión e control das mutualidades de previsión social que teñen o seu ámbito de actividades exclusivamente na Comunidade Autónoma. Desde o momento en que a Xunta asumiu a xestión provisional de Unión de Artesanos, o obxectivo foi garantir a viabilidade da entidade mutualista. Logrado este obxectivo, o seguinte paso foi convocar a asemblea xeral para elixir unha nova xunta.

A día de hoxe, a viabilidade económica de Unión de Artesanos está totalmente garantida e os servizos préstanse con normalidade. Unha vez feitos os trámites correspondentes e co novo equipo reitor nomeado, a xunta directiva está xa legalmente constituída e preparada para esta nova etapa.