Volver ao contido

Notas de prensa

A Conta Xeral ratifica que a Xunta de Galicia volveu cumprir no ano 2015 o obxectivo de déficit

A Conta Xeral ratifica que a Xunta de Galicia volveu cumprir no ano 2015 o obxectivo de déficit

  • A Comunidade galega rematou o pasado exercicio cun déficit do 0,68% do PIB, un punto menos que a media autonómica, que foi do 1,67%
  • O Goberno autonómico mantén o seu compromiso de non superar este ano o límite de déficit comunicado polo CPFF, do 0,7%
  • Neste 2016, Galicia mantense entre as comunidades que mellor controlan o déficit
  • É a segunda comunidade con menor déficit acumulado dende 2012, o 4,1%, mentres que a media situouse no 6,9%
  • Galicia acadou un aforro bruto de 205 millóns de euros, o maior de España
  • A Xunta mantén unha media de pago aos provedores no entorno dos 17 días

 

A Conta Xeral da Comunidade galega ratifica que a Xunta volveu cumprir en 2015 o obxectivo de déficit público autorizado polo Consejo de Política Fiscal y Financiera (CPFF), xa que pechou o exercicio cun déficit do 0,68%, por debaixo do límite do 0,7% fixado para o conxunto das comunidades. Ademais, o déficit de Galicia situouse un punto por debaixo da media autonómica, que foi do 1,67%, segundo o dato avanzado polo Ministerio de Hacienda.

 

O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, presentou hoxe no Consello da Xunta a Conta Xeral correspondente ao ano pasado, na que se sinala que Galicia rematou o exercicio 2015 cun déficit de 378 millóns de euros en termos de Contabilidade Nacional. A Conta Xeral, logo do acordo do Consello da Xunta, será remitida ao Parlamento e ao Consello de Contas.

 

O Goberno autonómico reafirma tamén o seu compromiso co cumprimento do obxectivo de estabilidade orzamentaria para este ano, que é tamén do 0,7% do PIB, segundo foi comunicado ás Comunidades Autónomas no CPFF. De igual forma, a Xunta mantén a súa intención de cumprir o obxectivo comunicado para 2017, que é do 0,5%.

 

Ademais, no que vai de 2016, Galicia mantense entre as comunidades autónomas con menor déficit acumulado. Segundo os datos do Ministerio de Hacienda publicados esta semana, Galicia é a cuarta comunidade que presenta mellor resultado ata o mes de xullo, cun superávit do 0,19%, fronte a unha media autonómica que presenta un déficit do 0,07%.

 

Galicia é tamén a segunda comunidade cun menor déficit público acumulado nos últimos catro anos, un 4,1%, fronte a un 6,9% que tiveron de media o conxunto das autonomías. Isto foi posible grazas ao esforzo de redución progresiva do déficit realizado na Administración galega, que tamén está a servir para manter controlado o endebedamento público.

 

De feito, Galicia é a comunidade onde menos medrou o volume de débeda dende finais de 2008, o que permite aforrar cada ano en xuros uns 85 millóns de euros, que agora se poden dedicar a reforzar o gasto social e os investimentos.

 

Aforro bruto

A Conta Xeral de 2015 tamén reflicte que Galicia acadou un aforro bruto de 205 millóns de euros. Este indicador mostra a diferencia entre os ingresos correntes e os gastos correntes, e cando é positivo permite incrementar reforzar o gasto corrente ou de investimento reducindo o recurso á débeda.

 

Segundo os datos recabados pola Consellería de Facenda, Galicia foi a comunidade autónoma que acadou un maior aforro bruto no ano 2015, e unha das catro comunidades onde este indicador foi positivo.

 

Máis axilidade no pago a provedores

Ademais, froito da solvencia da Comunidade Autónoma, a Xunta mantense entre as administracións autónomas que está a pagar con máis axilidade aos seus provedores. A media de pago situouse no mes de xuño nos 17,2 días, menos da metade que no conxunto de España (46,5 días). É dicir, a Xunta está a pagar aos seus provedores case 30 días antes que a media autonómica, segundo datos oficiais do Ministerio de Hacienda.

 

A Xunta de Galicia remitirá agora a Conta Xeral ao Parlamento e ao Consello de Contas cumprindo a normativa en vigor, modificada o ano pasado e que establece como prazo máximo de remisión o 30 de setembro.