Volver ao contido

Notas de prensa

A Conta Xeral ratifica que en 2017 Galicia volveu cumprir o obxectivo de déficit e aforrou 46 millóns en xuros da débeda

A Conta Xeral ratifica que en 2017 Galicia volveu cumprir o obxectivo de déficit e aforrou 46 millóns en xuros da débeda

  • A Comunidade galega pechou o exercicio cun déficit do 0,22% do PIB, fronte ao 0,32% da media autonómica, e este ano cumprirá de novo o obxectivo do 0,4%
  • O aforro acumulado en xuros nos últimos tres anos ascende a 140 millóns
  • En 2017, a Xunta acadou unha execución do orzamento de gasto do 99%
  • Galicia deixou de ingresar 83 millóns pola baixada de impostos
  • A Xunta incrementou un 20% o aforro bruto, ata acadar os 538 millóns de euros
  • Tamén foi a 3ª comunidade que dedicou máis recursos propios a investimentos
  • Galicia mantén a aposta polo modelo de crecemento san, baseado en aforrar en débeda para reforzar o gasto social e impulsar os investimentos

O Consello da Xunta aprobou hoxe en prazo legal a Conta Xeral da Comunidade Autónoma do exercicio 2017, na que se pon de manifesto que Galicia volveu cumprir en 2017 o obxectivo de déficit público autorizado polo Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF), xa que pechou o exercicio cun déficit do 0,22%, fronte ao 0,32% rexistrado no conxunto do sector autonómico, segundo o Ministerio de Facenda. Ademais, Galicia conseguiu aforrar 46 millóns en xuros da débeda, recursos que dedicou a gasto social e a investimentos.

O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, presentou hoxe no Consello da Xunta a Conta Xeral de 2017, na que se indica que Galicia pechou o exercicio 2017 cun déficit de 136 millóns de euros en termos de Contabilidade Nacional. O déficit de Galicia volveu quedar por debaixo do límite autorizado polo Consello de Política Fiscal e Financeira (0,6%) para todas as administracións autonómicas. A Conta Xeral, logo do acordo do Consello da Xunta, será remitida ao Parlamento e ao Consello de Contas.

Os datos da Conta Xeral da Comunidade Autonóma volven situar a Galicia entre as comunidades de referencia no cumprimento dos obxectivo de estabilidade orzamentaria, o que ten como resultado que a Xunta de Galicia teña acadado un aforro acumulado duns 140 millóns de euros en xuros da débeda nos últimos tres anos.

Galicia é unha das cinco comunidades autónomas que conseguiu cumprir en 2017 os tres obxectivos de estabilidade orzamentaria (déficit, débeda e regra de gasto), segundo os datos do Ministerio de Facenda. Ademais, Galicia é a comunidade que menos aumentou o seu volume de débeda dende o ano 2009 e a cuarta comunidade con menor déficit acumulado nos últimos seis anos. En todo caso, o Goberno galego mantén o seu obxectivo de cumprir o límite aprobado para este 2018, que é do 0,4%.

A Conta Xeral mostra que en 2017 a Xunta foi capaz de acadar unha execución do orzamento consolidado de gasto do 99%, un indicador aínda maior -do 101,7%- no gasto corrente, que engloba todo o gasto social da Administración galega, especialmente o gasto sanitario, educativo e no eido dos servizos sociais. Tamén indica que deixou de ingresar 83 millóns pola baixada de impostos aprobada polo Goberno galego e que está en vigor desde xaneiro de 2016, con especial incidencia no Imposto sobre Sucesións e Doazóns e no programa de Impostos cero no rural.

Máis aforro bruto e líderes en investimentos
A Conta Xeral de 2017 tamén mostra que Galicia acadou un aforro bruto de 538 millóns de euros, o que supón un incremento do 19,8% respecto ao ano anterior. Este indicador mostra a diferencia entre os ingresos correntes e os gastos correntes, e cando é positivo permite financiar máis investimentos sen recorrer á débeda. No caso de Galicia, 2017 foi o terceiro ano consecutivo no que este indicador foi positivo.

Ao mesmo tempo, Galicia volveu situarse en 2017 entre as comunidades autónomas líderes en investimentos. Segundo os datos oficiais do Ministerio de Facenda, Galicia foi o pasado ano a terceira comunidade con maior esforzo investidor –un 11,9% do gasto non financeiro-, fronte ao 7% de media autonómica e só superada por Baleares e Castela e León.

Aposta polo crecemento san
A Xunta mantén neste 2017 a súa aposta por un modelo de crecemento san, baseado no cumprimento dos obxectivos de déficit e de débeda para seguir reducindo os gastos en xuros, o que permite ter maior marxe de gasto nos investimentos, reforzar o gasto social e pagar con máis axilidade aos provedores da Administración.

Ademais, froito da solvencia da Comunidade Autónoma, a Xunta segue sendo a administración autonómico que está a pagar con máis axilidade aos seus provedores. Segundo os datos oficiais do Ministerio de Facenda, ao peche do primeiro semestre deste ano o período medio de pago en Galicia era de 11 días, o mellor de toda España.

A Xunta de Galicia remitirá agora a Conta Xeral ao Parlamento e ao Consello de Contas cumprindo a normativa en vigor, modificada en 2015 para facela máis esixente e que establece como prazo máximo de remisión o 30 de setembro.