Volver ao contido

Notas de prensa

A economía galega acadou no primeiro trimestre un crecemento anual do 3,1% e creou case 16.000 empregos a tempo completo

A economía galega acadou no primeiro trimestre un crecemento anual do 3,1% e creou case 16.000 empregos a tempo completo

  • Os datos do IGE mostran que Galicia acumula xa dez trimestres consecutivos con taxas de crecemento iguais ou superiores ao 3%
  • O PIB galego avanzou máis que o español, que segundo o INE medrou un 3,0%
  • Destacan o forte aumento do gasto en consumo dos fogares e a boa evolución nas exportacións e na formación bruta de capital
  • Todos os sectores da economía galega continúan en taxas positivas

Santiago de Compostela, 31 de maio de 2018.- A economía galega acadou no primeiro trimestre do ano un crecemento anual do 3,1% e continúa consolidando a súa recuperación, ao tempo que creou case 16.000 postos de traballo equivalentes a tempo completo, segundo reflicten as contas económicas trimestrais do Instituto Galego de Estatística (IGE).

Os datos do IGE publicados hoxe mostran que o Produto Interior Bruto (PIB) de Galicia encadea xa dez trimestres consecutivos con taxas de crecemento anuais iguais ou superiores ao 3%. A estatística tamén indica que a economía galega medrou un 0,7% con respecto ao trimestre anterior, igualando o crecemento rexistrado no anterior trimestre.

Ademais, o avance do PIB galego foi unha décima superior ao crecemento da economía española, que foi do 3,0%, segundo os datos publicados hoxe tamén polo Instituto Nacional de Estatística (INE). En comparación co trimestre anterior, o avance da economía galega foi idéntico ao do PIB nacional, tamén do 0,7%.

Segundo o IGE, nos tres primeiros meses do ano produciuse un forte aumento do gasto en consumo final dos fogares –que pasou do 1,8% ao 2,8%-, e ao mesmo tempo mantense a boa evolución das exportacións de bens e servizos –que avanzan un 7,3%- e da formación bruta de capital, un indicador relevante para cuantificar os investimentos no eido empresarial e que tamén avanza un 4,6%.

Pola parte da oferta todos os sectores da economía galega continúan en positivo, tanto a industria –cun incremento anual do 6,3%- coma a construción (3,5%) e os servizos (2,3%). O menor incremento produciuse no sector primario, que avanza unha décima respecto ao primeiro trimestre do ano anterior.

Case 16.000 novos empregos a tempo completo
As contas trimestrais do IGE confirman tamén que a recuperación económica continúa trasladándose igualmente ao mercado laboral. No primeiro trimestre creáronse 15.893 postos de traballo equivalentes a tempo completo, cun crecemento do 1,6% respecto ao primeiro trimestre de 2017. O incremento foi maior no emprego asalariado (2,5%).

Neste eido destaca o incremento na industria (4,0%) -cun incremento na industria manufactureira que foi aínda maior, do 4,4%-, na construción (6,2%), ou os servizos (2,1%), con apartados especialmente significativos como as actividades inmobiliarias (6,9%), o comercio, transporte e hostalería (4,1%) e as actividades profesionais (3,3%).