Volver ao contido

Notas de prensa

A Xunta aforrará 112,5 millóns ao beneficiarse este ano do fondo de financiamento para comunidades que cumpren o déficit

A Xunta aforrará 112,5 millóns ao beneficiarse este ano do fondo de financiamento para comunidades que cumpren o déficit

  • Este mecanismo beneficia exclusivamente a Galicia e Canarias por ser as únicas que cumpriron o déficit
  • Galicia recibe financiamento a custo 0 e sen pagar comisións nin gastos adicionais
  • En global, a Administración galega poderá acceder neste 2017 a un importe máximo de 2.145 millóns de euros, a meirande parte para amortización
  • Galicia é a comunidade de referencia no control do seu endebedamento e a que menos elevou o seu volume de débeda dende finais de 2008

(Santiago, 16 de marzo de 2017).- A Xunta de Galicia aforrará 112,5 millóns de euros en xuros da débeda ao beneficiarse neste ano 2017 do Fondo de Facilidade Financeira, o mecanismo de financiamento reservado pola Administración do Estado para aquelas comunidades autónomas que cumpren os obxectivos de déficit. É por isto que neste momento só dúas comunidades (Galicia e Canarias) poden adherirse a este fondo.

O Consello da Xunta aprobou hoxe o acordo de adhesión ao Fondo de Facilidade Financeira correspondente ao primeiro e segundo trimestre de 2017, o que supón o acceso a un financiamento de 1.191 millóns de euros. Con posterioridade, o Goberno galego completará a adhesión correspondente ao terceiro e cuarto trimestre do ano, unha vez que a Administración do Estado aprobe este mecanismo para o resto do exercicio.

Galicia pechou o exercicio 2016 cun déficit provisional do 0,58%, por debaixo do límite do 0,7% fixado polo Consello de Política Fiscal e Financeira para todas as comunidades autónomas. Grazas a cumprir obxectivo de estabilidade orzamentaria, a Xunta pode acceder a un financiamento en condicións moi vantaxosas, xa que recibe este financiamento a custo 0 e sen pagar ningún tipo de comisión nin gastos adicionais.

A Administración galega poderá acceder neste 2017 a un importe máximo de 2.145 millóns de euros, cun tipo de xuro do 0% ata 2020. O prazo da operación é de dez anos e a meirande parte deste importe destinarase a amortizacións de débeda. Tal como establece a normativa estatal, a Xunta terá dereito en todo momento a amortizar anticipadamente o préstamo e resolver a operación sen ningún tipo de custo adicional.

Ademais, grazas ao cumprimento dos obxectivos de estabilidade orzamentaria Galicia foi unha das poucas comunidades autónomas que conseguiu manter durante todos os últimos anos a súa autonomía financeira, o que lle permitiu tomar as súas propias decisións e manter o seu autogoberno.

Galicia cumpre os requisitos
O Ministerio de Hacienda esixe ás comunidades autónomas dous requisitos principais para poder acceder ao Fondo de Facilidade Financeira, que ofrece unha condicións de financiamento máis vantaxosas que os mercados financeiros.

O primeiro requisito é cumprir os obxectivos de déficit e de débeda do ano anterior, algo que Galicia fixo en 2015 e fará en 2016, unha vez que o Ministerio de Hacienda publique os datos de cumprimento dos obxectivos de déficit e débeda das comunidades autónomas. De feito, Galicia mantense como a comunidade de referencia neste eido e a que menos recorreu ao endebedamento dende finais de 2008.

O segundo requisito é cumprir o prazo máximo de pago aos provedores, algo que Galicia tamén está a cumprir con normalidade. Así, o período medio de pago na Xunta baixou en 2016 aos 21 días, o que confirma que Galicia seguiu pagando aos seus provedores con máis axilidade e mellor que a media autonómica.