Volver ao contido

Notas de prensa

A Xunta agarda que os fondos de cohesión no período 2021-2027 permitan mellorar a integración da economía galega en Europa

A Xunta agarda que os fondos de cohesión no período 2021-2027 permitan mellorar a integración da economía galega en Europa

  • O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, inaugurou hoxe o Foro de Economía e Política Rexional
  • Lembrou os efectos positivos desta política na economía galega, o que serviu para avanzar no proceso de converxencia con Europa

Santiago de Compostela, 5 de xullo de 2018.- A Xunta agarda que os fondos da política de cohesión para o novo período comunitario 2021-2027 permitan seguir mellorando a integración da economía galega en Europa, co obxectivo de seguir avanzando cara a Galicia máis intelixente, máis verde, máis conectada, máis social e máis próxima á cidadanía.

Así o manifestou o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, durante a inauguración hoxe en Santiago do Foro de Economía e Política Rexional. Durante o acto, o titular de Facenda lembrou que Galicia constitúe "un claro exemplo dos efectos positivos da política de cohesión, que nos permitiu reforzar notablemente a integración económica e política da comunidade autónoma e mellorar a gobernanza".

Neste sentido, destacou que o efecto positivo dos fondos estruturais en Galicia "é moi notable e perceptible polos cidadáns". En total, ata o período 2014-2020, investíronse máis de 21.000 millóns de euros, unha achega que ten contribuído de forma significativa ao desenvolvemento económico de Galicia nestes últimos 30 anos.

De feito, Valeriano Martínez recordou que o PIB per capita de Galicia supoñía o 60% da media comunitaria no momento da adhesión de España a Europa en 1986. "Os últimos datos de 2016 mostran como Galicia recupera o crecemento económico, situándose nun 82% da media comunitaria", incidiu o titular de Facenda.

Ademais, o conselleiro recordou que neste momento está sobre a mesa o debate do futuro de Europa, unha cuestión que "ocupa un lugar protagonista na axenda política da Unión Europea", polo que se fai necesario lembrar o papel fundamental que xogou a política de cohesión como ferramenta única para fortalecer o proxecto europeo. "A cohesión é o principal instrumento de solidariedade da Unión Europea", concluíu.