Volver ao contido

Notas de prensa

A Xunta aproba os trámites necesarios para que o Goberno central aboe a sentenza do IVE de 2017

A Xunta aproba os trámites necesarios para que o Goberno central aboe a sentenza do IVE de 2017

  • O Goberno galego apróbaos unha vez que o Executivo central acreditou que a cantidade a aboar ascende a 211 millóns de euros máis os xuros de demora
  • A sentenza do Tribunal Supremo deu a razón a Galicia na súa reclamación da mensualidade do IVE correspondente ao mes de decembro de 2017 e recoñeceu o seu dereito a ser compensada

Santiago de Compostela, 27 de xaneiro de 2022.- O Consello da Xunta aprobou hoxe os trámites previstos na Lei 22/2021, do 28 de decembro, de Presupostos Xerais do Estado para o ano 2022 co obxectivo de que o Goberno central aboe a Galicia os cartos da sentenza do IVE de 2017.

A Xunta aproba este trámite, -que será obrigatorio para todas as comunidades autónomas- unha vez que o Executivo central acreditou que a cantidade a aboar ascende a 211 millóns de euros máis os xuros de demora, e que coincide cos cálculos realizados polo Goberno galego.

Galicia tiña razón
A sentenza 553/2021, do 23 de abril do Tribunal Supremo deu a razón a Galicia na súa reclamación da mensualidade do IVE correspondente ao mes de decembro de 2017 e recoñeceu o dereito a que a Comunidade fora compensada por esa mensualidade que non ingresou o Executivo central e a pagarlle os xuros de demora. 

Dita resolución xudicial acreditou que o Goberno central vulnerou o dereito á autonomía financeira da Comunidade galega, que esa actuación orixinou un quebranto económico á facenda autonómica, e que dese xeito se produciu un enriquecemento indebido para a Administración do Estado. 

A Xunta actuou sempre coa máxima lealdade institucional e por iso Galicia foi a primeira Comunidade en advertir desta situación en xullo de 2018 e reclamar a mensualidade correspondente ao IVE de 2017 que o Goberno central tiña que ter transferido no ano 2019 en cumprimento do sistema de financiamento autonómico. 

O Executivo galego reclamou de maneira reiterada ao Goberno central que fixese este abono, tal e como acreditan os feitos probados na sentenza. Neste sentido, a Xunta esixiu en varias ocasións unha solución nos Consejos de Política Fiscal y Financiera (CPFF).

Ademais, elaborou informes xurídicos que facilitaban unha solución; esixiu coñecer os informes xurídicos nos que o Estado apoiaba a súa posición e aportoulle os seus; mesmo redactou unha proposta normativa para solucionar esta cuestión que foi remitida ao Goberno e que non foi tomada en consideración; e tamén impulsou a aprobación de resolucións no Parlamento de Galicia en apoio a esta reclamación.

En definitiva, Galicia liderou primeiro a reclamación xusta do IVE adebedado e liderou tamén a solución. Deste xeito, estes recursos retidos polo Executivo central poderanse transferir a todas a comunidades, acudisen ou non aos tribunais.