Volver ao contido

Notas de prensa

A Xunta aumentará a dotación do Fondo de Cooperación Local para 2019 ata os 128,7 millóns de euros, 3,1 millóns máis que neste exercicio

A Xunta aumentará a dotación do Fondo de Cooperación Local para 2019 ata os 128,7 millóns de euros, 3,1 millóns máis que neste exercicio

  • O Goberno galego trasladoulle hoxe á Fegamp que se incrementa a dotación do fondo especial para o fomento das fusións voluntarias entre concellos galegos ata 1,8 millóns de euros
  • Respáldase a aposta do municipalismo galego de colaborar na limpeza de franxas forestais como medida de prevención de incendios con 10 millóns de euros anuais

Santiago de Compostela, 16 de outubro de 2018.- A Xunta de Galicia trasladoulle hoxe á directiva da  Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) que nos Orzamentos para 2019 o Fondo de Cooperación Local (FCL) terá unha dotación presupostaria de 128,7 millóns de euros, 3,1 millóns máis que no actual exercicio.

O vicepresidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez; mantiveron un encontro cunha representación da FEGAMP, encabezada polo seu presidente, Alfredo García. No encontro de hoxe tamén estiveron presentes por parte da entidade municipalista o vicepresidente primeiro, Alfonso Villares e o vicepresidente segundo, Evencio Ferrero. Por parte da Xunta participaron na reunión a directora xeral de Administración Local, Marta Fernández-Tapias; e o director xeral de Planificación e Orzamentos, Miguel Corgos.

Á cantidade total asignada ao Fondo de Cooperación Local, hai que sumar outras liñas de axudas e subvencións das distintas consellerías, así como a dotación correspondente ao Fondo de Compensación Ambiental.

Principais partidas
Durante a reunión o vicepresidente e o titular de Facenda explicáronlle aos representantes da FEGAMP que no 2019, culminarase o proceso iniciado neste exercicio a través do que a Xunta compensa a aqueles concellos que teñen gastos derivados do mantemento do centros de saúde. Ademais, créase un fondo de emerxencias dotado con 1,9 millóns de euros.

Por outro lado, nos Orzamentos da Xunta para 2019 tamén se ampliará o fondo especial para o fomento das fusións voluntarias entre os concellos galegos, cunha partida de 1,8 millóns de euros, un 38% máis que este ano (1,3%). Dito fondo, creado no exercicio de 2016, enmárcase na aposta da Xunta por beneficiar aos concellos que aposten por sumar esforzos e fusionarse, e vai na liña doutras medidas postas en marcha polo Goberno galego para fomentar a cooperación entre municipios.

Tamén se respalda a aposta do municipalismo galego de colaborar na limpeza de franxas forestais como medida de prevención dos incendios forestais cunha dotación anual de 10 millóns de euros, dos que a Xunta aporta as tres cuartas partes -7,5 millóns-. Outra medida é a implantación dunha vía de colaboración para contribuír a financiar o custe dos conservatorios que neste momento sosteñen os concellos con 500.000 euros.

Finalmente, Alfonso Rueda e Valeriano Martínez explicáronlle aos membros da FEGAMP que se mantén a partida de 145.000 euros para os municipios que contan con centros penitenciarios; así como a contía destinada a colaborar coas FEGAMP nos gastos xerais.