Volver ao contido

Notas de prensa

A Xunta defenderá que o novo Sistema de Financiamento Local outorgue maiores ingresos aos municipios galegos

A Xunta defenderá que o novo Sistema de Financiamento Local outorgue maiores ingresos aos municipios galegos

  • O conselleiro de Facenda en funcións, Valeriano Martínez, clausurou hoxe as V Xornadas Iberoamericanas de Finanzas Locais
  • Explicou que Galicia tamén solicitará que o novo sistema adopte os criterios de dispersión e avellentamento
  • O titular de Facenda destacou que Galicia afrontará esta reforma cunha estabilidade política e institucional "que non é comparable" con calquera outra autonomía

 

Santiago, 6 de outubro de 2016.- O conselleiro de Facenda en funcións, Valeriano Martínez, destacou hoxe que a Xunta defenderá que o novo sistema de financiamento local outorgue maiores ingresos aos municipios galegos, e lembrou que a folla de ruta do Goberno galego pasa por dar cumprimento ao acordo parlamentario acadado en abril de 2015 no que se fixaban os criterios a demandar para buscar melloras, tanto dende o punto de vista cuantitativo coma cualitativo.

 

Valeriano Martínez, que clausurou hoxe en Santiago as V Xornadas Iberoamericanas de Finanzas locais, sinalou que o Executivo autonómico solicitará tamén que o novo sistema adopte os criterios de dispersión e avellentamento da poboación, por entender que estes son factores que repercuten de xeito determinante no custo dos servizos que teñen que prestar as administracións locais.

 

O titular de Facenda explicou que Galicia caracterízase por ter unha gran dispersión xeográfica, que dispara o custo da prestación dos servizos, e ao mesmo tempo conta cun elevado avellentamento da poboación, cinco puntos por riba da media actual. "Queremos ir da man doutras comunidades, pois probablemente xa se ven afectadas, ou veranse no futuro por ter cada vez máis poboación en idades avanzadas", apuntou.

 

Neste sentido, lembrou que o 24% da poboación galega supera os 65 anos e que Galicia conta con preto da metade dos núcleos singulares de poboación de toda España. "Estamos preparados para que, no momento no que se reforme o financiamento municipal, facer valer as nosas reivindicacións", explicou o conselleiro, quen incidiu na importancia de que Galicia manteña "unha posición única" no momento en que se leve a cabo a reforma do sistema.

 

Estabilidade política

Ademais, Valeriano Martínez incidiu en que Galicia afrontará as reformas dos sistemas de financiamento –o autonómico e o local- mantendo "unha estabilidade política e institucional que non é comparable con ningún outro territorio autonómico".

 

O conselleiro destacou que mentres a reforma non se pon en marcha, a Xunta "non está parada" e continúa a traballar, dentro do marco de competencias do que dispón, para mellorar o financiamento das entidades locais de Galicia.

 

Así, destacou algunhas actuacións levadas a cabo xa neste marco, como son garantir durante cinco anos a achega ao Fondo de Cooperación Local a pesar de que a caída da recadación debería levar parello un descenso proporcional deste fondo. Para iso, durante a crise a Xunta achegou un suplemento adicional de 21 millóns de euros, e no Orzamento vixente incrementouse en 3 millóns a dotación do FCL, ata acadar os 116 millóns.

 

Tamén puxo en valor a realización de achegas aos concellos galegos a través do Fondo de Compensación Ambiental. Así, dende o ano 2010 os municipios beneficiáronse de máis de 78 millóns de euros. Finalmente, mencionou as fusións voluntarias de municipios para gañar poboación, músculo financeiro e acceder a un mellor financiamento.